En xaneiro, tras as vacacións de Nadal, volveu reunirse o club nas súas diferentes seccións e os libros elixidos para a súa lectura foron Asesinato para principiantes de Jackson Holly (sección de “ciencia ficción e novela negra”) e A praia dos afogados de Domingo Villar, lectura esta última compartida por todos os membros do club nas diferentes seccións.
A praia dos afogados é unha novela de intriga apaixonante que mergulla ao lector no mundo da Galicia mariñeira, dende os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e ás tabernas da cidade de Vigo. Protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas, é o segundo libro da serie de novelas negras de Domingo Villar ambientadas na ría de Vigo.
O libro comeza coa aparición do cadáver dun mariñeiro, Xusto Castelo, que foi arrastrado pola marea ata a Praia da Madorra, na vila de Panxón. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, parecería un caso de suicidio, mais ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non é tal. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o inspector Leo Caldas, retraído e solitario, mergúllase no ambiente mariñeiro da vila, cuxos vecinos non están moi dispostos a colaborar para tratar de clarexar o crime.. Nesas pescudas policiais está acompañado por Rafael Estévez, o seu axudante aragonés de carácter arroutado, que non se dá adaptado á retranca dos galegos.
Domingo
Villar consegue introducirnos aos lectores nunha intriga sen acougo á procura
do(s) verdadeiro(s) culpable(s). 
Esta lectura parécenos moi apropiada tendo en conta que o noso centro e o noso club están tamén inmersos nese ambiente mariñeiro e retranqueiro que nos presenta a novela e vainos permitir levar a cabo varias actividades conxuntas, das que iremos dando conta neste blog.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario