venres, 15 de novembro de 2019

María e mais eu.

María e mais eu é o libro escollido para iniciar  o club de lectura de 1º ciclo e tamén o será para os alumnos do club de 2º ciclo na final do trimestre.
Deixamos aquí unha ligazón ao documental que se pode ver en RTVE á carta, onde  conta a historia de María, a filla do debuxante Miguel Gallardo e que padece autismo, e a relación dos dous nunhas vacacións nas Canarias.
A viaxe de María é unha animación curta que ilustra tamén todo o que logo atoparás na lectura e coa que poderás entender mellor ás persoas autistas e ás súas familias e amigos.

 

xoves, 7 de novembro de 2019

Nómades. Presentación da obra

Logo de algún que outro contratempo,  xa que os exames e os traballos fan que esteamos ocupados de máis, conseguimos reunir a case todos os membros do club de lectura de 2º ciclo de ESO, formado por:
Brais Albarrán, Iago Alonso, Ángel Esperón, Nicolás Freijeiro, Óscar Nogueira, Arón Piñeiro, David Piñeiro, Marcos Sabor e Zoe Ribas.
Presentámoslles o libro de banda deseñada co cal iniciamos a nosa andaina lectora. Unha obra que pode servirnos para reflexionar sobre cuestións que a diario están nos medios de comunicación pero que as sentimos alleas a nós e que falan de seres humanos que sofren, que loitan e que agardan un futuro mellor.
Aquí vos deixamos un vídeo feito a partir de noticias saídas nos medios e que tratan algúns dos temas que saen no libro: a inmigración ilegal, a trata de mulleres, as guerras ou a homosexualidade.  Visionar este documento pode ser moi útil para entender logo as historias que nos presenta o  autor Xosé Tomás.
O vindeiro venres 22 de novembro continuamos!!!

venres, 25 de outubro de 2019

Iniciamos a aventura de ler

A vindeira semana principiamos as nosas andainas lectoras e reunirémonos para presentarvos as lecturas coas que iniciamos o noso club "Lendo o mundo", centrándonos sobre todo na Banda Deseñada.
Luns 4 de Novembro: Reunión Club de  2º ciclo da ESO.
Martes 5 de Novembro: Reunión Club de 1º ciclo da ESO. 
Os libros elixidos para a primeira parte do trimestre son:

Nómades de Xosé Tomás. Editorial Galaxia
 As mulleres de Nómades son persoas que o arriscan todo para cruzar o mar polo futuro dos seus fillos; mozas e mozos que se prostitúen para enviar diñeiro á casa, coa aceptación tácita das súas familias, que “non preguntan”; mulleres que adquiren unha cualificación profesional e académica e que chegan a situarse comodamente na sociedade, pero sen que por iso sexan de todo aceptadas; anciás que se equivocan ao emigrar, porque xa é tarde para acadar a integración; empregadas do fogar sen papeis que non inspiran nin mágoa, porque son, no fondo, un problema económico e legal; e nenas que se integran, que se abren camiño con normalidade na nova sociedade e borran toda pegada dun pasado de dor e indefensión. NÓMADES é unha homenaxe ás pequenas historias íntimas.




María e mais eu de Miguel Gallardo. El Patito Editorial 

Miguel Gallardo, afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, quere compartilo cos seus lectores coma se nós fósemos ela e a través dos seus debuxos entendamos a súa mensaxe sinxela e breve dunha maneira inequívoca. 
Un grande atractivo deste libro é que corrixe moitos tópicos sobre os nenos con autismo, unha síndrome que se diagnostica cada vez con maior frecuencia. María non é tan distante nin tan fría, senón emocional, afectuosa, alén das peculiaridades do trastorno que padece. Todo o que María fai, ten un significado para ela. Nós tamén podemos facer máis feliz a María e a todos os nenos coma ela, sinxelamente aceptándoa tal como é: única, coma todos os demais.