O pasado mércores 22 de maio tivo a última reunión do curso da sección "Os larpeiros" do clube de lectura. Nesta ocasión, estivemos un anaco reunidos para comentar o que nos parecera o libro "Subnormal. Una historia de acoso escolar".
luns, 27 de maio de 2024
Rematando o curso dos Larpeiros con "Subnormal. Una historia de acoso escolar"
xoves, 25 de abril de 2024
Falando de "Un hijo"
A sección do club de lectura do IES, "Os larpeiros", tivo un novo encontro para falar da súa última lectura: "Un hijo" de Alejandro Palomas.
A pesar de que a participación no coloquio foi desigual, pois parte do alumnado participante no club non perdeu aínda a vergoña, a visión xeral do alumnado foi dunha lectura que gustou, que emocionou e que fixo pensar.
As profesoras responsables desta sección do club de lectura animaron ao alumnado a reflexionar sobre temas tan variados como o loito pola morte dun ser querido, as diferenzas culturais por ter nacido nun determinado país ou a sensibilidade do protagonista fronte a certos temas.
Foi unha lectura emocionante que dende logo vos recomendamos a todos e todas.
Nesta ocasión desfrutamos duns deliciosos lazos de follado para adozar o noso encontro, que como se pode ver, xa non chegaron ás imaxes.
Nesta reunión tamén desvelamos ao alumnado participante cal ía a ser a nosa última lectura. Neste caso trátase de novela gráfica, un xénero literario do que moitos dos integrantes do club se mostraron asiduos. Neste caso imos ler a novela gráfica "Subnormal. Una historia de acoso escolar", escrita por Fernando Llor e Miguel Porto. Esperamos que a súa lectura faga reflexionar ao noso alumnado sobre o acoso escolar, un tema que, por desgraza, segue a estar á orde do día.
venres, 1 de marzo de 2024
Comentando "Cicuta para dous"
O pasado mércores 21 de febreiro, a sección do club de lectura dos "Larpeiros" reuniuse de novo para comentar a segunda lectura deste curso: "Cicuta para dous" de Rocío Leira.
Nesta ocasión, a reunión estivo adozada por unhas rosquillas caseiras que trouxo unha das profesoras que leva o club.
Entre petisco e petisco, andamos comentando o que nos parecera a lectura. Deste vez todos e todas coincidiron en que lles gustara a lectura, aínda que moitos consideraron o final da historia como un pouco macabra.
Dos dous protagonistas da novela, Erundino e Irma, o alumnado do club empatizou máis coa segunda, e a verdade é que do primeiro non tiñan moi boas palabras que adicarlle.
Ademais de falar da historia que se conta nas páxinas escritas con mestría por Rocío Leira, pois esta obra foi galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, a historia tamén nos permitiu introducirnos no mundo da filosofía. Falamos de pensamento crítico, de poder cambiar de opinión co paso do tempo e tamén de ser quen de cortar cunha relación que xa nos está a traer só malos momentos.
Dende logo que foi unha boa elección a lectura de "Cicuta para dous", pois trátase dunha obra áxil e rápida de ler, que ademais inclúe pequenos enigmas de corte matemático que o lector debe ir resolvendo. E xa se sabe que todo o que ten algo de matemáticas, mellora notablemente.
Aproveitamos tamén a xuntanza para presentarlle ao alumnado a que será a terceira lectura do ano. Trátase de "Un hijo", obra escrita por Alejandro Palomas e galardoada co Premio Nacional de Literaruta Infantil e Xuvenil, que de seguro non lles vai deixar indiferente. O seu protagonista é Guille, un neno aparentemente feliz ao que lle encanta Mary Popins e que, a pesares da súa corta idade, terá moito que ensinarlles.
Veremos que nos contan na próxima reunión, agardamos que lles guste moito.




