Amosando publicacións coa etiqueta Miguelanxo Prado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguelanxo Prado. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de abril de 2024

Hoxe falamos de Presas fáciles

Quen non foi á praia cun libro baixo o brazo? Cantas lecturas quedaron na nosa memoria mesturadas co salitre e a area? Cantos títulos e historias quedaron unidas para sempre a un verán?

Xa vai sendo un clásico cando chega a primavera e o tempo acompaña achegarnos ao mar (porque por sorte o temos preto) e facer o noso encontro lector no medio das dunas ou no miradoiro de Punta Vicaño. E este ano non ía ser menos.


Presas fáciles foi o libro que tocaba nesta ocasión e foi unha obra que o que máis resaltaron as participantes foi o seu final, por inesperado. Que un grupo de anciáns no final das súas vidas idearan un plan para vingar aos seus amigos, vitimas dun sistema depredador, non o agardaban.

Engadiría tamén a calidade dos debuxos, a minuciosidade e o realismo como están debuxadas cada  unha das páxinas. A riqueza e variedade dos encadres e as expresións dos personaxes nos primeiros planos facían ver por momentos un filme.

Achegar ao alumnado tamén unha historia relativamente recente e que encheu durante meses as portadas dos xornais e  deixou un regueiro de damnificados foi tamén un dos puntos fortes da elección.

Aínda así, houbo críticas no sentido do ritmo da narración que consideraron excesivamente lento ou que algunhas delas non acaban de sentirse cómodas co thriller de asasinatos e a novela policial.

Para máis información sobre o libro podes picar AQUÍ




 


sábado, 6 de abril de 2024

Abril adicado á banda deseñada

 

Este mes os dous grupos do noso club de lectura vano adicar a ler banda deseñada, concretamente os títulos Subnormal e Presas fáciles.

O primeiro título da autoría de Fernando Llor foi unha obra con moita repercusión ao tratar un tema que desgraciadamente afecta ano a ano a milleiros de nenos, nenas e adolescentes como é o acoso escolar.


Máis concretamente, o libro conta a historia persoal de Iñaki Zubizarreta, un ex-xogador de baloncesto profesional da ACB que quixo contar a súa historia persoal e que estivo a piques de afundilo nun pozo de difícil saída.

A historia, con escenas moi duras, ilustra unha realidade que deixa secuelas     que permanecen durante anos e incluso durante toda unha vida.

O grupo de 3º de ESO levou o libro Presas fáciles  de Miguelanxo Prado, o noso debuxante galego máis internacional.

Unhas hienas que acurralan un matrimonio anciá é a portada desta obra que conta unha historia recente que levou por diante a vida e os aforros de moitos cidadáns cando a crise financeira da década pasada.

A través dunha investigación policial coñecemos as prácticas dun sistema bancario corrupto que por manter o seu status non dubidou en levar por diante a quen fixese falta. 


 



mércores, 11 de maio de 2022

Ardalén de Miguelanxo Prado e a importancia da memoria

 



O mes de maio no Club Lendo o Mundo achegámonos de novo á banda deseñada da man da extraordinaria novela gráfica Ardalén. A obra foi premiada no 31 Salón Internacional do Cómic de Barcelona como mellor obra nacional​ e o Ministerio de Cultura de España galardoouna co Premio Nacional do Cómic no ano 2013.

Ardalén é unha historia arredor da memoria persoal. A memoria como esencia da nosa existencia, da percepción da nosa propia vida, da nosa identidade. A memoria e os recordos como eixes que configuran a nosa personalidade.