Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de novembro de 2023

Memoria do silencio

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. 

Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, desexando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade.


Lola, Julia e Amparo, as irmás Touza Domínguez, rexentaban un quiosco e o humilde comedor da estación de Ribadavia fai case oitenta anos. Sen propoñelo, convertéronse en tres heroínas que burlaron ás autoridades franquistas e aos axentes da Gestapo para resgardar a vida de centos de refuxiados que lograron así cruzar a fronteira de Portugal para partir rumbo á liberdade.

Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.


Irmás Touza Domínguez

Estación de Ribadavia




O primeiro libro desta nova xeira lectora quere traer ao noso alumnado esta historia heroica e apaixonante.

Para moitos coñecidas como as Schindler galegas, as irmás Touza salvaron a medio milleiro de xudeus e refuxiados sen coñecer a ninguén e sen esperar nada a cambio, sen axudas e sen buscar xamais o beneficio económico. Aproveitando unha rede xa establecida para o estraperlo e o contrabando que unía Irún co norte de Portugal, organizaron a trama que axudou a fuxir aos perseguidos polo nazismo que chegaban á Península. Lográrono xunto a Ricardo Pérez Parada, evanxelista e toneleiro, que facía funcións de tradutor, xa que aprendera inglés e polaco tras vivir en Nova York; co seu parente taxista, Xosé Rocha Freixedo, e co tamén taxista Javier Míguez, alias o Caveira.

Ponte Barxas

 

As imás Touza recibiron no seu día o recoñecemento da Rede Sefardí de España e do colectivo Siboni en Xerusalén, onde se plantou unha árbore co seu nome. Lola foi declarada Xusta Entre as Nacións, un dos máximos recoñecementos para a comunidade xudía.

Podes ver o vídeo que realizou a TVG coa historia destas heroínas galegas

 

mércores, 11 de maio de 2022

Ardalén de Miguelanxo Prado e a importancia da memoria

 



O mes de maio no Club Lendo o Mundo achegámonos de novo á banda deseñada da man da extraordinaria novela gráfica Ardalén. A obra foi premiada no 31 Salón Internacional do Cómic de Barcelona como mellor obra nacional​ e o Ministerio de Cultura de España galardoouna co Premio Nacional do Cómic no ano 2013.

Ardalén é unha historia arredor da memoria persoal. A memoria como esencia da nosa existencia, da percepción da nosa propia vida, da nosa identidade. A memoria e os recordos como eixes que configuran a nosa personalidade.