xoves, 29 de febreiro de 2024

Encontro lector con Rocío Leira

 A gañadora do XIX Premio Jules Verne de Literatura xuvenil veu visitarnos para ter un encontro cos seus lectores.

No club de lectura lemos Cicuta para dous e xa anos atrás leramos tamén no club outro libro da mesma autora Trescatorcedazaseis.

En ambos casos son libros que tocan os mesmos mecanismos: intriga, suspense e un enigma que hai que resolver.

Se no libro de Trescatorcedezaseis as matemáticas eran o fío condutor que sobrevoaban uns estraños casos de crimes, en Cicuta para dous será a filosofía a pedra angular sobre a que facer as preguntas que nos leven ata o esclarecemento do caso.

Cunha narración áxil e entretida que pretende atrapar ao lector dende a primeira liña, Rocío Leira demostrou unha grande sintonía cos seus lectores.






luns, 26 de febreiro de 2024

Posta en común Por que todos me miran la cabeza?

Hoxe tocou falar do libro que estivemos lendo os últimos tempos e tiña moito para comentar. Comezando polo choque cultural, a falta de empatía ou a incomprensión á que se enfronta a protagonista.

O evidente é que non sempre unha decisión meditada acaba como unha espera e hai outros moitos factores que non dependen dun mesmo. Por este motivo Leila sente en ocasións que vai tirar a toalla e noutras se reafirma nas súas crenzas e en si mesma.

Tamén deu pé a falar  dos diferentes xeitos de entender a tradición e que iso non necesariamente se contrapón cunha maneira de vivir actual. Por ese motivo, vivimos o conflito familiar de Amal á que pretenden casar en contra da súa vontade.

O concepto de identidade tamén está presente no libro pois a protagonista é australiana, tamén musulmá  e a multiculturalidade da sociedade australiana non sempre está clara.

Este vídeo de Xavi Sala pode servir para seguir afondando no conflito que pon sobre a mesa o libro.



domingo, 25 de febreiro de 2024

Concurso de Bookface

A biblioteca Letras de Area do IES Sanxenxo convoca o I Concurso de Bookface.

Pero, sabes o que é un Bookface?

Consiste en fundirse coa portada dun libro encaixando a cara ou calquera parte do corpo, valéndose de todos os complementos que queiras e, sobre todo, de moita imaxinación.

O único que precisamos para crear esta montaxe é dun libro, unha cámara de fotos ou un móbil.

Para facer un bo “bookface” debemos ter en conta outras variables: elixir un libro cunha portada onde poder darlle continuidade co noso corpo, roupa, pelo ou outros obxectos, mobles ou paisaxes da nosa contorna. Controlar as proporcións e as dimensións son outras cousas a ter en conta.

Agora, dálle á cabeciña e anímate a participar con cantas propostas desexes!!!

Envía os teus traballos ao correo: letrasdearea.iessanxenxo@gmail.com



 

xoves, 22 de febreiro de 2024

Charla con Eva Mejuto

Tiñamos ganas de charlar con Eva Mejuto. Despois de 5 anos da súa primeira edición, Memoria do silencio é un dos libros máis lidos en galego entre o público xove. E por este motivo escollémolo no noso club de lectura.

A historia das irmás Touza, moitas veces denominadas as Schindler galegas, non debía quedar esquecida e iso mesmo foi o que nos contou a autora que chegou a ela case por casualidade.



Contounos que en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) pero que lle falaron das irmás Touza e de todo canto fixeron e non dubidou en que aí estaba unha boa historia.

Desgraciadamente hai moi pouca documentación pero contou coa inestimable axuda  do historiador Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos.

Así, a partir de cada un dos personaxes e co pano de fondo do wolframio teceu unha historia emocionante e moi necesaria para ese público mozo falto de referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres.

E deixou no aire esta pregunta: Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado. 

Grazas Eva por facer unha tarde diferente!