xoves, 25 de abril de 2024

Falando de "Un hijo"

A sección do club de lectura do IES, "Os larpeiros", tivo a súa terceira reunión para falar da súa última lectura: "Un hijo" de Alejandro Palomas.

A pesar de que a participación no coloquio foi desigual, pois parte do alumnado partipante no club non perdeu aínda a vergoña, a visión xeral do alumnado foi dunha lectura que gustou, que emocionou e que fixo pensar.

As profesoras responsables desta sección do club de lectura animaron ao alumnado a reflexionar sobre temas tan variados como o loito pola morte dun ser querido, as diferenzas culturais por ter nacido nun determinado país ou a sensibilidade do protagonista fronte a certos temas.

Foi unha lectura emocionante que dende logo vos recomendamos a todos e todas.


Nesta ocasión desfrutamos duns deliciosos lazos de follado para adozar o noso encontro, que como se pode ver, xa non chegaron ás imaxes.

Nesta reunión tamén desvelamos ao alumnado participante cal ía a ser a nosa última lectura. Neste caso trátase de novela gráfica, un xénero literario do que moitos dos integrantes do club se mostraron asiduos. Neste caso imos  ler a novela gráfica "Subnormal. Una historia de acoso escolar", escrita por Fernando Llor e Miguel Porto. Esperamos que a súa lectura faga reflexionar ao noso alumnado sobre o acoso escolar, un tema que, por desgraza, segue a estar á orde do día.



venres, 19 de abril de 2024

Hoxe falamos de Presas fáciles

Quen non foi á praia cun libro baixo o brazo? Cantas lecturas quedaron na nosa memoria mesturadas co salitre e a area? Cantos títulos e historias quedaron unidas para sempre a un verán?

Xa vai sendo un clásico cando chega a primavera e o tempo acompaña achegarnos ao mar (porque por sorte o temos preto) e facer o noso encontro lector no medio das dunas ou no miradoiro de Punta Vicaño. E este ano non ía ser menos.


Presas fáciles foi o libro que tocaba nesta ocasión e foi unha obra que o que máis resaltaron as participantes foi o seu final, por inesperado. Que un grupo de anciáns no final das súas vidas idearan un plan para vingar aos seus amigos, vitimas dun sistema depredador, non o agardaban.

Engadiría tamén a calidade dos debuxos, a minuciosidade e o realismo como están debuxadas cada  unha das páxinas. A riqueza e variedade dos encadres e as expresións dos personaxes nos primeiros planos facían ver por momentos un filme.

Achegar ao alumnado tamén unha historia relativamente recente e que encheu durante meses as portadas dos xornais e  deixou un regueiro de damnificados foi tamén un dos puntos fortes da elección.

Aínda así, houbo críticas no sentido do ritmo da narración que consideraron excesivamente lento ou que algunhas delas non acaban de sentirse cómodas co thriller de asasinatos e a novela policial.

Para máis información sobre o libro podes picar AQUÍ




 


xoves, 11 de abril de 2024

Finalistas I Concurso de Bookface

Estes son os finalistas do concurso de Bookface da biblioteca Letras de area. Participaron alumnos de 2º ESO e 4º de ESO maioritariamente, sendo as propostas moi conseguidas algunhas delas.

No instagram edl_iessanxenxo está aberta a votación para elixir os que serían o gañador e finalista desta edición. Aquí vos deixamos unha mostra dos traballos desta edición.


Diseño de Dinamización Sanxenxo

E a gañadora foi a alumna Valeria Ruíz de 4º ESO C


 

sábado, 6 de abril de 2024

Abril adicado á banda deseñada

 

Este mes os dous grupos do noso club de lectura vano adicar a ler banda deseñada, concretamente os títulos Subnormal e Presas fáciles.

O primeiro título da autoría de Fernando Llor foi unha obra con moita repercusión ao tratar un tema que desgraciadamente afecta ano a ano a milleiros de nenos, nenas e adolescentes como é o acoso escolar.


Máis concretamente, o libro conta a historia persoal de Iñaki Zubizarreta, un ex-xogador de baloncesto profesional da ACB que quixo contar a súa historia persoal e que estivo a piques de afundilo nun pozo de difícil saída.

A historia, con escenas moi duras, ilustra unha realidade que deixa secuelas     que permanecen durante anos e incluso durante toda unha vida.

O grupo de 3º de ESO levou o libro Presas fáciles  de Miguelanxo Prado, o noso debuxante galego máis internacional.

Unhas hienas que acurralan un matrimonio anciá é a portada desta obra que conta unha historia recente que levou por diante a vida e os aforros de moitos cidadáns cando a crise financeira da década pasada.

A través dunha investigación policial coñecemos as prácticas dun sistema bancario corrupto que por manter o seu status non dubidou en levar por diante a quen fixese falta.