Amosando publicacións coa etiqueta Subnormal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Subnormal. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de maio de 2024

Rematando o curso dos Larpeiros con "Subnormal. Una historia de acoso escolar"

O pasado mércores 22 de maio tivo a última reunión do curso da sección "Os larpeiros" do clube de lectura. Nesta ocasión, estivemos un anaco reunidos para comentar o que nos parecera o libro "Subnormal. Una historia de acoso escolar".

Por ser esta a última reunión do curso, era o alumnado o encargado de traer os doces cos que aderezar o comentario da lectura, pero como se pode ver nas fotografías, eses doces quedaron esquecidos nun sitio moi lonxano á biblioteca do instituto.
Xa metidos en faena para comentar o libro, a maioría dos participantes comentou que lle fora unha lectura sinxela e rápida, por tratarse dunha novela gráfica, e que ademais lle gustara bastante. Algunha das persoas tamén comentou a dureza dalgúns dos pasaxes do libro, e que neses momentos o pasara un pouco mal coa súa lectura.
Ademais de comentar a lectura, estivemos falando do problema do acoso escolar, compartindo vivencias e, sobre todo, deixando claro que o máis importante é saber pedir axuda, tanto se sexa a persoa afectada como un simple espectador. Ademais de falar de acoso escolar, falamos tamén de suicidio, tema que aparece na lectura e que nos preocupa moi seriamente.

Foi unha reunión na que se falaron de moitas cousas importantes e na que comezamos a escoitar a opinión dalgúns dos membros do club que ata o de agora non participaran moito.

Esperamos que esta experiencia fora interesante e enriquecedora para todos o alumnado participante e que o ano que vén se animen a volver a participar nela. Sexa como sexa, que nunca falten os libros e as boas historias, pois sempre poden ser un lugar onde refuxiarse, evadirse, coñecer e conectar.


xoves, 25 de abril de 2024

Falando de "Un hijo"

A sección do club de lectura do IES, "Os larpeiros", tivo un novo encontro para falar da súa última lectura: "Un hijo" de Alejandro Palomas.

A pesar de que a participación no coloquio foi desigual, pois parte do alumnado participante no club non perdeu aínda a vergoña, a visión xeral do alumnado foi dunha lectura que gustou, que emocionou e que fixo pensar.

As profesoras responsables desta sección do club de lectura animaron ao alumnado a reflexionar sobre temas tan variados como o loito pola morte dun ser querido, as diferenzas culturais por ter nacido nun determinado país ou a sensibilidade do protagonista fronte a certos temas.

Foi unha lectura emocionante que dende logo vos recomendamos a todos e todas.


Nesta ocasión desfrutamos duns deliciosos lazos de follado para adozar o noso encontro, que como se pode ver, xa non chegaron ás imaxes.

Nesta reunión tamén desvelamos ao alumnado participante cal ía a ser a nosa última lectura. Neste caso trátase de novela gráfica, un xénero literario do que moitos dos integrantes do club se mostraron asiduos. Neste caso imos  ler a novela gráfica "Subnormal. Una historia de acoso escolar", escrita por Fernando Llor e Miguel Porto. Esperamos que a súa lectura faga reflexionar ao noso alumnado sobre o acoso escolar, un tema que, por desgraza, segue a estar á orde do día.



sábado, 6 de abril de 2024

Abril adicado á banda deseñada

 

Este mes os dous grupos do noso club de lectura vano adicar a ler banda deseñada, concretamente os títulos Subnormal e Presas fáciles.

O primeiro título da autoría de Fernando Llor foi unha obra con moita repercusión ao tratar un tema que desgraciadamente afecta ano a ano a milleiros de nenos, nenas e adolescentes como é o acoso escolar.


Máis concretamente, o libro conta a historia persoal de Iñaki Zubizarreta, un ex-xogador de baloncesto profesional da ACB que quixo contar a súa historia persoal e que estivo a piques de afundilo nun pozo de difícil saída.

A historia, con escenas moi duras, ilustra unha realidade que deixa secuelas     que permanecen durante anos e incluso durante toda unha vida.

O grupo de 3º de ESO levou o libro Presas fáciles  de Miguelanxo Prado, o noso debuxante galego máis internacional.

Unhas hienas que acurralan un matrimonio anciá é a portada desta obra que conta unha historia recente que levou por diante a vida e os aforros de moitos cidadáns cando a crise financeira da década pasada.

A través dunha investigación policial coñecemos as prácticas dun sistema bancario corrupto que por manter o seu status non dubidou en levar por diante a quen fixese falta.