Amosando publicacións coa etiqueta wolfram. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta wolfram. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de decembro de 2023

Encontro lector arredor de Memoria do silencio

Despois do encontro inicial agora tocaba poñer en común todo o que descubrimos na novela, os personaxes de Lola, Frieda e Günter, o lugar onde transcorre a historia e os feitos que acontecían na época en que se desenvolve.

Dende que comezou a andar o club de lectura este é o terceiro libro que lemos que ten como trasfondo a II Guerra Mundial e deunos pé para falar de cuestións moi importantes daquela: un mundo dividido en dous bloques antagónicos, o estraperlo como un medio de vida para os habitantes da RAIA, a febre do  wolframio e a importancia de Galicia como produtor de mineral.

Buscamos tamén exemplos doutros temas como: a amizade, o odio e a intransixencia, o altruísmo ou a solidariedade entre os personaxes que conforman a novela. 

O libro tivo unha acollida bastante dividida. A algúns gustoulles a novela porque o feito de nacer dunha historia real e baseada nunha época tan convulsa fixo que gañase interese. Para outras, en cambio, o libro resultoulles difícil pola cantidade de personaxes que aparecen e por ter un ritmo lento sobre todo ao comezo. Agardaban máis acción e por ese motivo decepcionoulles un pouco.

luns, 1 de novembro de 2021

Wolfram, principiamos a LER O MUNDO un ano máis

Xa está aquí o club de lectura unn ano máis e polo menos este ano poderemos regresar á biblioteca, ao noso espazo de reunión e de intercambios lectores.

 
O primeiro título desta nova andaina será a obra de Alberto Varela Wolfram.

O volframio foi un mineral imprescindible para a fabricación de armamento nos anos 40 do pasado século e en Galicia existían minas das que se extraía este material tan valiosísimo nos anos que durou a Segunda Guerra Mundial.


Aínda que España non entrou oficialmente na contenda si subministraba este mineral á Alemaña nazi e con este pano de fondo Alberto Varela crea esta obra de banda deseñada onde unha parella de espías serán os protagonistas desta historia chea de misterio, acción e aventuras.

Pica na imaxe para acceder á ficha do libro.