domingo, 11 de decembro de 2022

Iridium de Francisco Castro

Iridium é unha historia de amor. Ou é unha historia de discriminacións e inxustizas. Ou é unha historia de amizade máis aló das dificultades. Ou é unha historia sobre unha raíña de Instagram.

Esta novela conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Mais, sobre todo, Iridium conta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual. E Iris sente, e goza, e chora, e ri, e sofre coma calquera.

https://franciscocastro.gal/tag/iridium/







venres, 9 de decembro de 2022

Matar un reiseñor. Novela Gráfica

 

Esta é unha adaptación da novela de Harper Lee, nesta ocasión como novela gráfica. Un auténtico clásico da literatura estadounidense do século XX que segue a cativar a millóns de lectores.

Jean Louise Finch evoca unha época da súa infancia en Alabama (EE UU), cando o seu pai, Atticus, decidiu defender ante os tribunais un home negro acusado de violar a unha muller branca. 

Matar un reiseñor amosa unha comunidade dominada polos prexuízos raciais, a desconfianza cara ao diferente, a rixidez dos vínculos familiares e veciñais e cun sistema xudicial sen apenas garantías para a poboación negra. 

En 1962, Robert Mulligan levouna ao cine con Gregory Peck no papel protagonista.

Matar  un reiseñor é unha desas historias inmortais que se che pegan ao corazón e sacúdenche a conciencia.


 

domingo, 12 de xuño de 2022

Ardalén, un perfecto colofón

A última lectura que realizamos este curso no noso club foi considerada por unanimidade unha lectura extraordinaria, na que nos encantaron tanto a súa historia coma os seus deseños. O cómic Ardalén de Miguelanxo Prado sorprendeunos e pareceunos unha auténtica xoia da novela gráfica que nos valeu de  fabuloso colofón a este curso cheo de bos momentos compartidos.





Na última sesión do club tamén realizamos unha enquisa na que compartimos as nosas opinións sobre todas as lecturas realizadas ao longo do curso, as nosas preferencias de xéneros, as posibles melloras para o vindeiro curso, as actividades favoritas entre as realizadas neste ano etc. 



Agradecémoslles moito aos membros do club a súa implicación, o seu tempo e a súa compaña para poder compartirmos nesta marabillosa aventura o noso amor pola lectura. Sen dúbida, esta non é unha despedida... Ata pronto a todos e todas!!










mércores, 11 de maio de 2022

Ardalén de Miguelanxo Prado e a importancia da memoria

 



O mes de maio no Club Lendo o Mundo achegámonos de novo á banda deseñada da man da extraordinaria novela gráfica Ardalén. A obra foi premiada no 31 Salón Internacional do Cómic de Barcelona como mellor obra nacional​ e o Ministerio de Cultura de España galardoouna co Premio Nacional do Cómic no ano 2013.

Ardalén é unha historia arredor da memoria persoal. A memoria como esencia da nosa existencia, da percepción da nosa propia vida, da nosa identidade. A memoria e os recordos como eixes que configuran a nosa personalidade. 





Comentarios do club sobre o poemario "Penúltimas tendendias" de Carlos Negro

 



 

Farei o meu comentario sobre Penúltimas Tendencias de Carlos Negro. Sen dúbida este poemario foi a obra que máis me chamou a atención dentro de todas as lidas durante este curso. O tema principal paréceme extraordinario, esa descrición máis a fondo das mulleres e de como nos sentimos en certos momentos. Encantoume como cada poema rompe os estereotipos cos que esta sociedade nos asfixia ás veces. Falan de temas actuais e pasados, creando unha fermosa sensación, un exemplo disto pode ser cando nun dos poemas falan da Superpop, unha revista de fai anos.

Sen dúbida recomendaría Penúltimas Tendencias a todo o mundo, xa que sempre está ben ler poesía, pero sempre é mellor cando falan de realidades.

Clara Berreco Martínez


 

O libro de Penúltimas Tendencias de Carlos Negro é un libro moi interesante e ao mesmo tempo reivindicado, xa que todos os poemas que se recollen nel teñen algo moi especial.

Pero persoalmente houbo un poema que me gustou moito e gustaríame falar del brevemente.

 O poema de “5 razóns polas que cortaría contigo”. Pareceume un poema moi interesante e creo que con lelo unha vez di moito de si mesmo. A oración que me fixo escollelo foi a seguinte: “Se me tocas como un mando a distancia.” Este símil que fai Carlos Negro pareceume moi sorprendente pero por desgraza moi certo.

 En conclusión podo dicir que este libro é moi sinxelo e ameno de ler e animo a todo o mundo a lelo.

Sabela Martínez Peón

 

 

Nesta ocasión gustaríame comentar un poema que me gustou do libro Penúltimas Tendencias de Carlos Negro. Ademais, tiven a sorte de que o autor do libro viñese ao meu instituto, IES Sanxenxo.

 

Tatuaxe

 

Ao principio non sabía de que ía este poema pero despois entendino e pareceume un poema que transmite moita ilusión e amor por esa persoa. Penso que unha persoa que se tatúa algo na súa pel sobre alguén cando significa que o/a quere moito e quere que ese amor dure para sempre. Eu creo que as tatuaxes hai que facelas con sentido común e imaxino que ten que ser algo moi importante para esa persoa.

 

Sofía Otero Sartages

 

 

Aínda que eu non son de ler poesía, a verdade é que este libro me gustou, porque nos conta historias. Dinos e fainos entender que as rapazas non queren ser princesas nin bonecas, que queren que as miremos tal e como son, e como elas se senten cómodas. Por exemplo, se unha non quere depilarse, pois non a temos porque mirar con malos ollos nin criticala, se non pon roupa de moda, se non se maquilla, ou pon tacos altos. É como ela se sente cómoda. Igual que non se debe criticar os homes, pois as mulleres tampouco. Non todas queren seguir as tendencias, e eu penso que iso non é o máis importante, o máis importante é o interior das persoas.

O que me chamou a atención é que este libro fose escrito por un home.

Os poemas que máis me gustaron foron:

Poesía: Guapa y a la última- (páx. 22) Quérenos dicir que as revistas de moda non ven a beleza interior e auténtica.

Poesía: Gótica (páx. 39). Gústame moito, posto que nos conta unha historia de como é esa moza.

Poesía: A que sabe o amor? (páx. 55) Penso que este poema nos conta as cousas boas e non tan boas que ten o amor.

Poesía: 3 MSC (páx. 57) Este poema déixanos claro que as rapazas que teñen as ideas claras queren sinceridade nas relación e non que lle prometan a terra aos seus pés.

En xeral gustoume moito.

                                                                                                                         Hugo Otero Padín

 

 

Penúltimas tendencias pareceume un libro moi interesante, poucas veces atopamos libros que traten sobre este tipo de temas ‘tabú’, como os estereotipos de xénero, as inseguridades, ou sobre a presión na xuventude feminina, que ten os estándares de beleza moi altos e a niveis cada vez menos sans. Oxalá houbese máis libros que traten este tipo de temas, parécenme importantes, por que, ás veces, un poema, un libro, unha páxina poden entenderte mellor ca ti mesmo.

Antía Lores Caíño

 





xoves, 28 de abril de 2022

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Este curso iniciámonos no club coa lectura de poesía lendo a Carlos Negro e parece que foi todo un acerto.

Penúltimas tendencias non é un poemario  convencional, moi ao contrario. É un libro directo e que fala das cadeas que mozos e mozas teñen que aturar, dos convencionalismos, da ditadura da imaxe e dunha chea de cousas que nos arrodean. 

O autor púxonos: a escribir, a recitar, a ler, a sentir as palabras e a buscar os significados nas costuras dos versos. Foi un día inesquecible onde non deixamos de desfrutar e gozar das palabras.










mércores, 27 de abril de 2022

Literatura á carta con Menú de enganos de Manuel Núñez Singala

 


Un restaurante literario moi especial.

Velaquí un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Literatura á carta. Unha carta literaria. Literatura con sabor.

Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta.



No Club de lectura Lendo o Mundo desfrutamos moito desta sorprendente obra e, ademais, tivemos a sorte de encontrarnos co escritor Manuel Núñez Singala. Os seus relatos, cheos de humor e ironía,  gustáronnos moito.

O 25 de marzo realizamos a actividade “Lectura entre Dunas” na praia de Baltar e estivemos moi ben acompañados polos relatos de Menú de enganos de Núñez Singala e polos poemas de Penúltimas tendencias de Carlos Negro. As dúas obras foron ben acollidas e fixeron que o mar, as dunas e a literatura se unisen nunha formidable xornada para todos e todas.




https://www.singala.eu/menu-de-enganos

martes, 25 de xaneiro de 2022

O ceo dos afogados de Francisco Castro


Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando.

O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.


Nos encontros do club de lectura durante o mes de xaneiro estivemos acompañados por O ceo dos afogados de Francisco Castro que lle encantou ao alumnado. A obra móstranos a relación dos seres humanos coa natureza dende unha mirada moi especial, da man dun protagonista que se enfronta a un gran desafío e mantén a intriga durante toda a lectura. Sen dúbida unha novela que recomendamos.





xoves, 13 de xaneiro de 2022

Wolfram. Unha mirada á Segunda Guerra Mundial

Chegamos ao final da primeira lectura do club, Wolfram, e houbo nas reunións opinións encontradas.

Os participantes opinaron que en xeral a historia foi moi interesante e descubriron infinidade de cousas que descoñecían do período da 2ª Guerra Mundial e da importancia deste mineral que neses anos provocou unha verdadeira febre.

Houbo quen foi máis alá da historia e vendo os deseños confesou que agardaba máis deles. Botaron en falta un maior abano de expresións entre os personaxes e os debuxos non acabaron de convencelos, aínda que en xeral o comic gustou.


Agora xa para o nadal tivemos tarefa e neste mes de xaneiro xuntarémonos a comentar a seguinte lectura proposta: O ceo dos afogados de Francisco Castro.

A novela parte dun feito misterioso e inexplicable. Todos os delfíns do planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Unha novela que ten como pano de fondo a sostibilidade do planeta e que queremos relacionar co tema que este ano protagoniza a semana cultural no noso centro.