venres, 15 de novembro de 2019

María e mais eu.

María e mais eu é o libro escollido para iniciar  o club de lectura de 1º ciclo e tamén o será para os alumnos do club de 2º ciclo na final do trimestre.
Deixamos aquí unha ligazón ao documental que se pode ver en RTVE á carta, onde  conta a historia de María, a filla do debuxante Miguel Gallardo e que padece autismo, e a relación dos dous nunhas vacacións nas Canarias.
A viaxe de María é unha animación curta que ilustra tamén todo o que logo atoparás na lectura e coa que poderás entender mellor ás persoas autistas e ás súas familias e amigos.

 

xoves, 7 de novembro de 2019

Nómades. Presentación da obra

Logo de algún que outro contratempo,  xa que os exames e os traballos fan que esteamos ocupados de máis, conseguimos reunir a case todos os membros do club de lectura de 2º ciclo de ESO, formado por:
Brais Albarrán, Iago Alonso, Ángel Esperón, Nicolás Freijeiro, Óscar Nogueira, Arón Piñeiro, David Piñeiro, Marcos Sabor e Zoe Ribas.
Presentámoslles o libro de banda deseñada co cal iniciamos a nosa andaina lectora. Unha obra que pode servirnos para reflexionar sobre cuestións que a diario están nos medios de comunicación pero que as sentimos alleas a nós e que falan de seres humanos que sofren, que loitan e que agardan un futuro mellor.
Aquí vos deixamos un vídeo feito a partir de noticias saídas nos medios e que tratan algúns dos temas que saen no libro: a inmigración ilegal, a trata de mulleres, as guerras ou a homosexualidade.  Visionar este documento pode ser moi útil para entender logo as historias que nos presenta o  autor Xosé Tomás.
O vindeiro venres 22 de novembro continuamos!!!