xoves, 19 de novembro de 2020

Lecturas 1º cuadrimestre Club de Lectura 2020-21

Con algo de retraso comezamos este ano os encontros do Club de Lectura. Para o primeiro cudrimestre programamos as seguintes lecturas, continuando a liña do ano pasado coa Banda Deseñada. Por iso mesmo repetimos un dos títulos que máis gustaron aos lectores e lectoras da edición pasada María e mais eu.

Incluímos tamén este curso dous títulos teatrais para achegarnos a un novo xénero e que acostumamos a ter algo esquecido.

A continuación deixámosvos os títulos da obras cos que principiaremos a nosa andaina cos dous grupos lectores que este curso conforman o Club Lendo o mundo.

Atranco no banco. Manuel Nuñez Singala

 
 
Hai atracos e hai atracadores, pero poucos tan zoupóns, trapalleiros e inútiles como os que tentan roubar o banco nesta divertida comedia. Un dúo de ladróns sen vocación, un director de banco máis delincuente que os propios atracadores, unha secretaria que parece inxenua pero que non o é tanto. Personaxes que fían unha disparatada trama na que a risa está máis que garantida.



María e mais eu. Miguel Gallardo


Afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, quere compartilo cos seus lectores coma se nós fósemos ela e a través dos seus debuxos entendamos a súa mensaxe sinxela e breve dunha maneira inequívoca. Todo o que María fai, ten un significado para ela. Nós tamén podemos facer máis feliz a María e a todos os nenos coma ela, sinxelamente aceptándoa tal como é: única, coma todos os demais. 


 

 

A miña planta de laranxa lima. José Mauro de Vasconcelos

 
 
Zezé é un neno de 5 anos bastante traste que vive nunha favela. A vida, a fantasía e a imaxinación dan paso á dor que fai que teña que facerse adulto precozmente.
Unha novela que dende a súa primeira edición polos anos 60 converteuse nun éxito sen precedentes no seu país de orixe, Brasil e que foi levada ao cine e á televisión en varias ocasións.



O que sei do silencio. Andrea Maceiras

" O que sei do silencio" é o relato  estremecedor de como Delia se converteu en acosadora pasiva dunha rapaza inocente de   3º da ESO. 
Historia inspirada libremente nun suceso real, afonda dende voces diversas na xénese, desenvolvemento e consecuencias dun caso de acoso escolar. Unha novela necesaria que achega azos a todas aquelas persoas que ignoran o silencio e se fan fortes a si mesmas e ás demais a través das palabras.