mércores, 29 de novembro de 2023

El sueño de Berlín

Gañador do XII Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil, El sueño de Berlín é o libro co que o grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO iniciará unha nova andaina do Club de lectura no noso centro.

Rebautizado co nome de OS LARPEIROS, pois segundo eles e a súa coordinadora os libros poden ofrecernos un interminable abano de sabores e de temas; este libro de doada lectura tráenos unha problemática que afecta a algunhas persoas e que na adolescencia dá lugar a moitas situacións complicadas. 

A protagonista da novela Ana sofre TOC, un trastorno obsesivo compulsivo. Debido a el, vese obrigada a poñer o máximo coidado en moitas accións da súa día a día.

Bruno, un compañeiro de clase, non se dá conta de nada disto. Desde que Ana fixo unha exposición sobre o Antigo Exipto quedou fascinado por ela e está a desexar coñecela máis.

El quere poñer en marcha unha viaxe de fin de curso a Berlín, onde se atopa o Busto de Nefertiti, para cumprir un dos soños de Ana. Co seu entusiasmo, non se dá conta de que esta viaxe pode angustiala, ao verse afastada de casa e exposta nunha cidade estranxeira.

El sueño de Berlín é unha novela onde os seus autores, Ana Alonso e Javier Pelegrín, nos queren transmitir que por moi grandes que vexamos algúns problemas sempre poderemos superalos e non debemos rendernos.


xoves, 16 de novembro de 2023

Memoria do silencio

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. 

Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, desexando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade.


Lola, Julia e Amparo, as irmás Touza Domínguez, rexentaban un quiosco e o humilde comedor da estación de Ribadavia fai case oitenta anos. Sen propoñelo, convertéronse en tres heroínas que burlaron ás autoridades franquistas e aos axentes da Gestapo para resgardar a vida de centos de refuxiados que lograron así cruzar a fronteira de Portugal para partir rumbo á liberdade.

Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.


Irmás Touza Domínguez

Estación de Ribadavia




O primeiro libro desta nova xeira lectora quere traer ao noso alumnado esta historia heroica e apaixonante.

Para moitos coñecidas como as Schindler galegas, as irmás Touza salvaron a medio milleiro de xudeus e refuxiados sen coñecer a ninguén e sen esperar nada a cambio, sen axudas e sen buscar xamais o beneficio económico. Aproveitando unha rede xa establecida para o estraperlo e o contrabando que unía Irún co norte de Portugal, organizaron a trama que axudou a fuxir aos perseguidos polo nazismo que chegaban á Península. Lográrono xunto a Ricardo Pérez Parada, evanxelista e toneleiro, que facía funcións de tradutor, xa que aprendera inglés e polaco tras vivir en Nova York; co seu parente taxista, Xosé Rocha Freixedo, e co tamén taxista Javier Míguez, alias o Caveira.

Ponte Barxas

 

As imás Touza recibiron no seu día o recoñecemento da Rede Sefardí de España e do colectivo Siboni en Xerusalén, onde se plantou unha árbore co seu nome. Lola foi declarada Xusta Entre as Nacións, un dos máximos recoñecementos para a comunidade xudía.

Podes ver o vídeo que realizou a TVG coa historia destas heroínas galegas