xoves, 14 de decembro de 2023

Encontro lector arredor de Memoria do silencio

Despois do encontro inicial agora tocaba poñer en común todo o que descubrimos na novela, os personaxes de Lola, Frieda e Günter, o lugar onde transcorre a historia e os feitos que acontecían na época en que se desenvolve.

Dende que comezou a andar o club de lectura este é o terceiro libro que lemos que ten como trasfondo a II Guerra Mundial e deunos pé para falar de cuestións moi importantes daquela: un mundo dividido en dous bloques antagónicos, o estraperlo como un medio de vida para os habitantes da RAIA, a febre do  wolframio e a importancia de Galicia como produtor de mineral.

Buscamos tamén exemplos doutros temas como: a amizade, o odio e a intransixencia, o altruísmo ou a solidariedade entre os personaxes que conforman a novela. 

O libro tivo unha acollida bastante dividida. A algúns gustoulles a novela porque o feito de nacer dunha historia real e baseada nunha época tan convulsa fixo que gañase interese. Para outras, en cambio, o libro resultoulles difícil pola cantidade de personaxes que aparecen e por ter un ritmo lento sobre todo ao comezo. Agardaban máis acción e por ese motivo decepcionoulles un pouco.