Na segunda xuntanza , que tivo lugar o mércores 7 de maio, os alumnas/os lectores da obra de Caride, último libro que leran nesta sección do club, coordinado por Loli Estévez e Alicia Búa, fixeron diversos comentarios sobre esta lectura. Á maioría gustoulles a creatividade da saga, o feito de que o autor mesturase os costumes, as paisaxes e tradicións do pasado con tecnoloxías futuristas foi o que máis lles impresionou.
Para algúns deles, a conspiración relacionada coa empresa Norleska foi o que máis lles chamou a atención, e outros viron que o libro agocha unha crítica á sociedade.
En xeral, resaltaron que o uso de palabras moi técnicas relacionadas co campo da tecnoloxía e a ecoloxía, terminoloxía que o autor domina moi ben debido aos seus estudos científicos, ás veces lles dificultaba a comprensión de certos fragmentos. Tamén a dificultade viña dada porque en ocasións a obra expoñía dous escenarios diferentes no que trataba temas dunha época pasada, pero situadas nun futuro que se estaba transformando debido á degradación do planeta. Estes escenarios ás veces dificultábanlles a comprensión da obra.
A maioría comentou que lles parece que o autor quere expresar que podemos ter un futuro mellor se se actúa de forma reflexiva e se ten en conta o medio natural. Eles viron na obra unha chamada de atención e toma de conciencia para a sociedade.
 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario