venres, 8 de maio de 2026

Novo libro tras o Nadal: Noite de voraces sombras

 

Volvemos reunirnos tras o Nadal para falar do novo libro: Noite de voraces sombras, de A. Fernández Paz.

O noso alumnado, a raíz da lectura dos primeiros capítulos, falou das presenzas estrañas que aparecen nalgúns momentos da trama e das crenzas nos fenómenos paranormais, dos amores de verán, das vidas truncadas e dos silencios durante e despois da Guerra Civil, estes foron algúns dos temas máis destacados. 

Veremos que novos temas xorden a partir da lectura das seguintes páxinas!

 

Interesante posta en común de Noite de voraces sombras

Na última xuntanza, a valoración do libro foi positiva e tratáronse temas extrapolables á nosa realidade actual, como as relacións amorosas a distancia, as relacións familiares e os segredos, ademais dos lugares onde se desenvolve a acción, entre eles a Illa de San Simón, cunha gran historia no seu haber. Así, tirando do fío e das galletas que nos acompañaban para a ocasión, xurdiu a idea de facer unha saída para coñecer ese lugar tan emblemático na historia de Galicia. 

A ver se a podemos levar a cabo!!

 

venres, 17 de abril de 2026

Volvemos xuntarnos tod@s polo Nadal!

 

Na última xuntanza do trimestre coincidente coa época de Nadal houbo tempo para compartir opinións e petiscos entre todos os integrantes do club sobre os diferentes libros lidos nas distintas seccións nos primeiros meses do presente curso. Esta reunión sempre é especial e moi ben recibida por todos nós dada a época na que nos atopamos.

 


Seguimos compartindo libros e opinións

 

Nas seguintes reunións o alumnado fixo interesantes achegas e reflexións sobre temas que se tratan no libro como os comportamentos e relación dentro dos grupos de amigos, os intereses que teñen os adolescentes, os silencios ante os casos de violencia,… O libro de O que sei do silencio tivo boa acollida e unha valoración ben positiva.

 

 

Na sección de misterio e ciencia ficción “Detectives dos crimes das palabras” un dos libros escollidos nos primeiros meses foi un clásico desta temática como é O misterio das badaladas de Xabier DoCampo.

 


martes, 13 de xaneiro de 2026

NOVAS XUNTANZAS: O NOSO CLUB CRECE

Iniciamos esta nova andaina 37 alumn@s e sete coordinadores, as nosas reunións seguen a estar adozadas coas larpeiradas traídas para eses breves momentos por todos os que conformamos este xa non tan pequeno club. 

 No primeiro trimestre comezamos lendo tres libros de diferentes temáticas, entre os que podemos encontrar O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.

 Este libro, que xa foi repartido alá polo mes de outubro entre o noso alumnado participante, trata un tema moi preocupante na nosa sociedade como é o acoso escolar. Esta obra inspirouse nun suceso real, mais é narrada desde unha perspectiva interesante: a dunha acosadora pasiva que non se atreve a alzar a voz ante o que está a acontecer ao seu redor. Este relato pode facernos reflexionar sobre a responsabilidade individual e colectiva nos casos de violencia escolar. Na seguinte entrada falaremos da opinión e dos comentarios dos nosos alumn@s lectores.

BENVIDOS DE NOVO AO NOSO CLUB! VOLTAMOS RODEAD@S DE LIBROS E BOA COMPAÑA!!

Este curso, despois da boa experiencia do anterior no que compartimos interesantes e gratos momentos, unhas veces transmitindo e opinando de todo aquilo ao que nos ían levando as lecturas dos libros, outras visionando esa mesma ficción a través da pantalla, mentres petiscabamos do que tanto alumnado como profesorado ía proporcionado en cada un dos nosos encontros, voltamos a reunirnos no mes de setembro. 
Así pois, o día 24, con ganas de ocupar o noso recuncho na biblioteca e no renovado espazo, habilitado para que o ambiente sexa máis acolledor, reunímonos profesorado coordinador e alumnado veterano e principiante neste mundiño das letras e das palabras compartidas. 

As temáticas deste curso seguen a ser “Ciencia ficción”, “Banda deseñada” e tamén “Sociedade, fantasía e mundos alternativos”. 

Así pois, aquí comeza a nosa nova ANDAINA NO MUNDO DOS LIBROS!