mércores, 17 de febreiro de 2021

Lecturas 2º cuadrimestre 2020-21

Nesta segunda metade do curso continuamos os nosos encontros lectores e, escoitando as suxestións dos participantes no club, incluímos algúns títulos onde o misterio é o ingrediente principal. Agora só resta mergullarnos na lectura e descifrar os enigmas que nos presentan. Anímaste!


La tejedora de la muerte
. Concha López Narváez. Bruño

Que ocorre na vella casa abandoada? Por que a randeeira se move soa? Hai alguén na antiga habitación de Andrea? Será certo que o espírito da tecelá tomou posesión da casa na que naceu?

Andrea é unha muller que lembra unha estraña historia que aconteceu na casa da súa avoa cando ela era pequena. Por iso, trinta anos despois decide regresar á vila para resolver ese asunto que leva pendente toda unha vida. Unha novela de misterio que che engaiolará e non poderás deixar de ler.

 

Tres catorce dezaseis. Rocío Leira. Xerais 


O matemático e profesor Benavides terá que desentrañar o misterio que se agocha tras os asasinatos que se están a producir no campus universitario. Coa axuda de Silvia, unha enigmática alumna da facultade de Matemáticas, Benavides deberá resolver os desafíos lóxicos que un intelixente asasino lle vai propor. Mensaxes cifradas, pistas inquietantes e códigos aparentemente irresolubles danse cita nesta aventura chea de intriga. Finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

 

 

 

Las lágrimas de Shiva. César Mallorquí. Edebé


Todo principiou cun enigma: o misterio dun obxecto moi valioso que estivo perdido durante sete décadas. As Lágrimas de Shiva, así se chamaba ese obxecto extraviado. Arredor de el ocorreron vinganzas, amores prohibidos e estrañas desaparicións. Houbo unha pantasma e un vello segredo oculto nas sombras, pero tamén houbo moito máis.

 

 


Mi abuelo Moctezuma.
María Garcia Esperón Edelvives

Isabel vive en México DF, cursa 3.º de Secundaria e non sabe que é o bo de ter catorce anos.

Pero o día que o profesor de español encarga como traballo escolar que cada alumno faga a súa propia árbore xenealóxica e ela revela ao resto da clase que descende do emperador azteca Moctezuma, é cando empezan os seus verdadeiros problemas. Todos se burlan excepto Francisco Corta que está moi interesado en encontrar… o códice perdido do emperador Moctezuma!


 


 

 

martes, 9 de febreiro de 2021

A miña planta de laranxa lima

A miña planta de laranxa lima é un libro sobre a tenrura, que en 1968 encabezou a lista de best sellers (O meu pé de laranja-lima) no Brasil e aínda hoxe segue a ser lectura obrigada nas escolas. Leva vendidos máis de tres millóns de exemplares e despois de cincuenta e dous anos transcorridos dende a súa publicación segue a estar entre os libros de máis éxito; sendo levado ao cinema en varias ocasións.

Conta a historia dun neno de nome Zezé que un día descubriu a dor e se fixo adulto precozmente.

Zezé é un neno de 5 anos, traveso e intelixente, que vive nunha favela coa súa familia, moi numerosa e pobre. Preto da súa nova casa atopa unha planta de laranxa lima á que Zezé trata coma se fose o seu mellor amigo, contándolle o seu día a día. 

A historia ten elementos autobiográficos porque o seu autor, José Mauro de Vasconcelos,  durante a súa infancia pasou grandes penurias económicas.

A pesar de ser un libro que gustou entre os compoñentes do club e incluso  algún confesou que estivo a piques de chorar, cren que foi unha obra que lles provocou tristura e que non están afeitos a ler este tipo de historias.

 

Antes de despedírmonos ata a vindeira xuntanza do club, xa a última deste trimestre, presentamos a nova lectura que dá un xiro tanto á temática como ao estilo e que tamén foi unha novela de moito éxito titulada La tejedora de la muerte, de Concha López.


 


 

luns, 8 de febreiro de 2021

O que sei do silencio. Posta en común

Para comezar o segundo trimestre o alumnado leu a obra de Andrea Maceiras O que sei do silencio.

Debido ao escaso tempo co que contamos nos recreos, que nos voa e sempre nos deixa con ganas de seguir compartindo as nosas opinións e reflexións sobre as obras, tivemos dúas xuntanzas para falarmos desta novela que sen dúbida os nosos lectores e lectoras recomendan.

 

O que sei do silencio" é o relato estremecedor de como Delia, a narradora da obra, se converteu en acosadora pasiva dunha rapaza inocente de 3º da ESO. 

A novela, que segundo a autora se inspirou nun suceso real,  engaiolounos e fíxonos reflexionar fondamente sobre un tema tan de actualidade como é o acoso escolar e que se aborda desde a experiencia dunha acosadora pasiva e arrepentida.

A obra ensínanos a non mirar cara a outro lado, a ser valentes e a pedir axuda.  

A pesar da crueza con que se conta esta historia, O que sei do silencio transmítenos unha mensaxe necesaria.