sábado, 28 de xaneiro de 2023

Cine e literatura

No ano 1962 Robert Mulligan levou á pantalla grande a novela de Harper Lee co título orixinal To Kill a Mockingbird e que foi protagonizada por Gregory Peck, quen gañaría o Oscar ese ano,  Mary Badham e Robert Duvall entre outros. Ademais de colleitar outros premios como os Globos de Ouro e os premios BAFTA, obtivo moito éxito de crítica e de público; sendo considerada hoxe todo un clásico do cine norteamericano.

A novela gráfica que estivemos a ler está claramente baseada no filme porque como é lóxico cine e banda deseñada son dúas caras da mesma moeda, coas súas semellanzas e tamén coas súas diferenzas.

E iso foi precisamente no que quixemos fixarnos; en como se narraban no libro algunhas secuencias cinematográficas e a que solucións tamén chegou o debuxante para contarnos a historia.


Os participantes do club primeiro puxéronse a buscar no libro onde estaban estas secuencias, na páxina que comezaba e na que remataba para despois comentar cuestións do tipo: cantas viñetas precisou para cada unha das escenas, que diálogos incluíu ou se o punto de vista ou o tamaño do encadre era similar.
Deixamos aquí algunhas das secuencias comentadas e traballadas polos alumnos e alumnas.