mércores, 17 de xaneiro de 2024

¿Por que todos me miran la cabeza?

¿Por que todos me miran la cabeza? será o vindeiro libro que leremos no Club de lectura.

Da autora de orixe palestina e afincada en Australia Randa Abdel-Fattah conta unha historia persoal con moito humor pero que ao tempo lle supuxo un grande conflito persoal e coa súa contorna social. Non hai máis que ver a portada para sabermos por onde vai o conto.

 

Amal, unha moza de dezaseis anos, conta que ocorre cando decide levar o hiyab posto como di ela “a xornada completa” nunha sociedade occidental e aínda que pareza o contrario non tan tolerante como a australiana. Os seus pais, de fortes conviccións relixiosas pero que educan á súa filla con total liberdade, tentan disuadila da súa decisión pois saben os atrancos aos que pode enfrontarse pero Amal está disposta a sobrepoñerse ante as adversidades.

Ademais seremos testemuñas do seu día a día, a música que escoita, en que pasa o tempo libre, as conversas coas amigas falando de cuestións amorosas etc...

Progresivamente veremos como o que empezou como algo espontáneo vaise convertendo nunha cuestión máis profunda e a súa personalidade vai evolucionando pois ve que non só quen está ao seu arredor xúlgana mal senón que tamén ela xulgou mal a outros e non soubo poñerse no seu lugar.

Randa Abdel-Fattah

A novela dá pé para tratar outros temas como a da tolerancia relixiosa, a afirmación da identidade, a sociedade de consumo ou a carencia de valores do estilo de vida occidental. En poucas semanas saberemos que pensan os membros do club, mentres tanto toca ir coñecendo pouco a pouco a Amal e a súa historia.


 

mércores, 10 de xaneiro de 2024

Falando de "El sueño de Berlín"

A sección Larpeiros do clube de lectura do IES Sanxenxo reuniuse o mércores 20 de decembro para falar do libro "El sueño de Berlín". En honra ao nome, a coordinadora do clube obsequiou aos participantes do mesmo cunha bandeza de pastas de té (que pouco durou na mesa) para facer máis confortable a reunión.


Durante os momentos que compartimos xuntos, falamos de empatía, compañeirismo, aceptación da diferencia e superación de medos, temas que se tratan na novela. Nótase que foi o primeiro encontro para moitos dos participantes, pois ao principio custou arrincar as palabras.

Como colofón final, a coordinadora ensinoulles unha miniatura do busto de Nefertiti que os protagonistas de historia, Ana e Bruno, acaban visitando no Neues Museum na cidade de Berlín.

A novela, en xeral, gustoulle aos membros do clube, pero algún deles comentou que en certos momentos se sentira algo agobiado polas descripcións dos episodios de TOC da protagonista, Ana.

Aproveitamos tamén esta reunión para facerlles entrega da seguinte lectura, titulada "Cicuta para dous", escrita pola matemática Rocío Leira e merecedora do XIX Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Agardamos que a lectura sexa interesante para todos, xa veremos que nos contan na próxima xuntanza.