Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de abril de 2022

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Este curso iniciámonos no club coa lectura de poesía lendo a Carlos Negro e parece que foi todo un acerto.

Penúltimas tendencias non é un poemario  convencional, moi ao contrario. É un libro directo e que fala das cadeas que mozos e mozas teñen que aturar, dos convencionalismos, da ditadura da imaxe e dunha chea de cousas que nos arrodean. 

O autor púxonos: a escribir, a recitar, a ler, a sentir as palabras e a buscar os significados nas costuras dos versos. Foi un día inesquecible onde non deixamos de desfrutar e gozar das palabras.










xoves, 23 de xaneiro de 2020

Obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás


Dentro das actividades paralelas que deseñamos dentro do club de banda deseñada, esta mañá visitounos o ilustrador e debuxante Xosé Tomás.
A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Animalia e outros moitos...
Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), onde as mulleres son as protagonistas de diferentes historias cuxa temática vai do desarraigo, a explotación, a incomprensión ou o desamparo, aínda que ao final sempre pode encontrarse un sopro de esperanza. Esta precisamente foi a primeira lectura coa que iniciamos o club Lendo o Mundo deste curso.



O obradoiro artellábase en dúas partes:
Unha primeira que servía de introdución e de coñecemento dos elementos indispensables da banda deseñada. Dende os inicios de contar historias a partir de debuxos ata a importancia da elipse, das liñas cinéticas, dos estereotipos e das diferentes formas que poden adoptar as viñetas.
Na segunda parte do obradoiro, o alumnado tivo que poñer en práctica todo o aprendido.
Unha mañá moi proveitosa para todos.