xoves, 19 de novembro de 2020

Lecturas 1º cuadrimestre Club de Lectura 2020-21

Con algo de retraso comezamos este ano os encontros do Club de Lectura. Para o primeiro cudrimestre programamos as seguintes lecturas, continuando a liña do ano pasado coa Banda Deseñada. Por iso mesmo repetimos un dos títulos que máis gustaron aos lectores e lectoras da edición pasada María e mais eu.

Incluímos tamén este curso dous títulos teatrais para achegarnos a un novo xénero e que acostumamos a ter algo esquecido.

A continuación deixámosvos os títulos da obras cos que principiaremos a nosa andaina cos dous grupos lectores que este curso conforman o Club Lendo o mundo.

Atranco no banco. Manuel Nuñez Singala

 
 
Hai atracos e hai atracadores, pero poucos tan zoupóns, trapalleiros e inútiles como os que tentan roubar o banco nesta divertida comedia. Un dúo de ladróns sen vocación, un director de banco máis delincuente que os propios atracadores, unha secretaria que parece inxenua pero que non o é tanto. Personaxes que fían unha disparatada trama na que a risa está máis que garantida.



María e mais eu. Miguel Gallardo


Afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, quere compartilo cos seus lectores coma se nós fósemos ela e a través dos seus debuxos entendamos a súa mensaxe sinxela e breve dunha maneira inequívoca. Todo o que María fai, ten un significado para ela. Nós tamén podemos facer máis feliz a María e a todos os nenos coma ela, sinxelamente aceptándoa tal como é: única, coma todos os demais. 


 

 

A miña planta de laranxa lima. José Mauro de Vasconcelos

 
 
Zezé é un neno de 5 anos bastante traste que vive nunha favela. A vida, a fantasía e a imaxinación dan paso á dor que fai que teña que facerse adulto precozmente.
Unha novela que dende a súa primeira edición polos anos 60 converteuse nun éxito sen precedentes no seu país de orixe, Brasil e que foi levada ao cine e á televisión en varias ocasións.



O que sei do silencio. Andrea Maceiras

" O que sei do silencio" é o relato  estremecedor de como Delia se converteu en acosadora pasiva dunha rapaza inocente de   3º da ESO. 
Historia inspirada libremente nun suceso real, afonda dende voces diversas na xénese, desenvolvemento e consecuencias dun caso de acoso escolar. Unha novela necesaria que achega azos a todas aquelas persoas que ignoran o silencio e se fan fortes a si mesmas e ás demais a través das palabras.



venres, 28 de febreiro de 2020

Presentación de Engurras


Engurras narra a tenra historia de amizade entre dous anciáns, Emilio e Miguel. Emilio, recén chegado á residencia, comparte cuarto con Miguel, un veterano que lle axuda a integrarse, dándolle a súa particular visión sobre as regras, as rutinas, os residentes e os espazos do seu novo domicilio.

Pero a súa memoria empeza a borrarse a pesar dos seus intentos de contrarrestar ou ocultar os efectos da enfermidade. Enrugas conta con precisión e dende unha ollada intimista, non exenta de dureza, esa batalla contra a vellez ata que as súas páxinas se volven totalmente brancas. Unha conmovedora historia, que mereceu o Premio Nacional de banda deseñada en 2008 e que conta xa con adaptación ao cine. 

xoves, 23 de xaneiro de 2020

Obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás


Dentro das actividades paralelas que deseñamos dentro do club de banda deseñada, esta mañá visitounos o ilustrador e debuxante Xosé Tomás.
A súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, con títulos como O caderno azul (Xerais, Vigo), El niño que tenía miedo de los robots / El robot que tenía miedo de los niños (Edebé, Barcelona) María é Maior (Baía, A Coruña), O pirata Metepata (Baía, A Coruña), Sabeliña e os ratos (Galaxia, Vigo), Animalia e outros moitos...
Tamén é autor da novela gráfica Nómades (Galaxia), onde as mulleres son as protagonistas de diferentes historias cuxa temática vai do desarraigo, a explotación, a incomprensión ou o desamparo, aínda que ao final sempre pode encontrarse un sopro de esperanza. Esta precisamente foi a primeira lectura coa que iniciamos o club Lendo o Mundo deste curso.



O obradoiro artellábase en dúas partes:
Unha primeira que servía de introdución e de coñecemento dos elementos indispensables da banda deseñada. Dende os inicios de contar historias a partir de debuxos ata a importancia da elipse, das liñas cinéticas, dos estereotipos e das diferentes formas que poden adoptar as viñetas.
Na segunda parte do obradoiro, o alumnado tivo que poñer en práctica todo o aprendido.
Unha mañá moi proveitosa para todos.





xoves, 16 de xaneiro de 2020

Falando de María

Para o nadal tiñamos unha tarefa encomendada, ler o libro de María e mais eu para compartir todo aquilo que nos parecera e poñer enriba da mesa as nosas opinións e tamén as emocións que o libro deixou en nós.

A modo de xogo, recortamos algunhas das viñetas do libro para así cada un de nós explicar que tiñan que ver coa protagonista e con todo o que nos quería contar o autor.
Descubrimos a importancia dos pictogramas para as persoas con autismo e tamén nos fixeron graza moitas das situacións ás que se ten que enfrontar María e o seu entorno no día a día.
Para nós é un libro non só recomendable senón tamén necesario para todo o mundo e coa súa lectura pasas moi bos momentos.
Para rematar este post deixámosvos cunha canción de Kevin Johansen que se titula Everything is falling into place (Todo está caendo no seu lugar). A música deste tema asalta ao pai de María cando a ve concentrada deixando caer entre as mans os grans de area que recolle na praia.


 Everything is falling into place/ Todo está caendo no seu lugar
Sei que soa mal / E non teño a cara
Pero ultimamente todo / está a quedar no seu lugar
Sei que soa parvo / Pero non é ningunha deshonra
Séntese tan condeadamente boa / Para estar fóra da carreira
Sei que soa estraño / a sentirse realmente libre
Pero, como pode queixarse
Se se trata da forma en que está destinado a ser
Vostede sabe que ten un corazón pop / Que máis podo dicir?
Encántame unha canción sinxela / que ninguén pode xogar
Ver esta nena / Ela é de 7 anos (4 na foto)
Vostede escoita cantar / e escoitar a súa alma
Entón, cal é a necesidade / Para todos nós como raza
Por que, oh! toda a cobiza / Se se foi nun día
E todo o que está caendo no seu lugar ...
(Todo o que es, todo o que es)
Sei que soa mal ...