luns, 19 de maio de 2025

2ª xuntanza no mes das Letras

 
Na segunda xuntanza , que tivo lugar o mércores 7 de maio, os alumnas/os lectores da obra de Caride, último libro que leran nesta sección do club, coordinado por Loli Estévez e Alicia Búa, fixeron diversos comentarios sobre esta lectura. Á maioría gustoulles a creatividade da saga, o feito de que o autor mesturase os costumes, as paisaxes e tradicións do pasado con tecnoloxías futuristas foi o que máis lles impresionou.

Para algúns deles, a conspiración relacionada coa empresa Norleska foi o que máis lles chamou a atención, e outros viron que o libro agocha unha crítica á sociedade.

 En xeral, resaltaron que o uso de palabras moi técnicas relacionadas co campo da tecnoloxía e a ecoloxía, terminoloxía que o autor domina moi ben debido aos seus estudos científicos, ás veces lles dificultaba a comprensión de certos fragmentos. Tamén a dificultade viña dada porque en ocasións a obra expoñía dous escenarios diferentes no que trataba temas dunha época pasada, pero situadas nun futuro que se estaba transformando debido á degradación do planeta. Estes escenarios ás veces dificultábanlles a comprensión da obra.


A maioría comentou que lles parece que o autor quere expresar que podemos ter un futuro mellor se se actúa de forma reflexiva e se ten en conta o medio natural. Eles viron na obra unha chamada de atención e toma de conciencia para a sociedade

 


O FUTURO ROUBADO

 Este é o título do terceiro libro da sección “Viaxa lendo un mundo de cine” que lles ofrecemos aos nosos lectores para os meses de abril e maio. É unha novela de aventuras de ciencia ficción, que trata temas relacionados co medio ambiente e a ecoloxía. Co engadido de que está ilustrado por Miguelanxo Prado, premio Nacional do Cómic e debuxante recoñecido internacionalmente. Os protagonistas deste libro de Ramón Caride son dous irmáns, Said e Sheila, dous rapaces do futuro que xa protagonizaran outros libros anteriores do autor, como Perigo vexetal  (Premio Merlín 1995), que están a ler os alumnos de 1ºESO.

Estes irmáns, defensores do medio ambiente e da xustiza, que loitan pacificamente por preservalo, viven no ano 2077 nun vello muíño da costa de Galicia.  Tras un estraño terremoto, acaban caendo por unha fenda do espazo-tempo  que os leva a unha viaxe ao pasado: o ano 2000. Terán que enfrontarse a podesosos grupos do pasado que, movidos por intereses económicos, buscan explotar zonas costeiras, sen importarlles as graves consecuencias no medio natural.






mércores, 14 de maio de 2025

ENCONTRO LITERARIO CON RAMÓN CARIDE

 O mércores 23 de abril, Día do libro, os alumnos  da sección “Viaxa lendo un mundo de cine” do noso Club de lectura, xunto co resto de alumnado de 1ºESO, tiveron un encontro literario con Ramón Caride, un dos iniciadores da ciencia ficción en galego e autor do libro que están a ler os integrantes desta sección este mes de abril: O futuro roubado.  Ademais nas aulas de Lingua galega e literatura están a ler outras dúas obras deste coñecido escritor: Perigo Vexetal e As músicas viaxeiras. A ciencia ficción é a temática dos dous primeiros libros mencionados anteriormente e tamén da Semana cultural deste presente curso académico no noso centro.

 

Neste encontro o alumnado puido conversar co autor sobre as obras que están a ler e facer preguntas sobre a súa traxectoria; as razóns que o levaron a escribir, en concreto sobre ciencia ficción; e se nas temáticas que trata nos seus libros, como a ecoloxía e o 
medio ambiente, influíu o feito de ter estudado Bioloxía e ser profesor desta materia.


No remate da sesión algúns deles buscaron unha dedicatoria do escritor afincado en Cambados, para así deixar plasmado o momento deste encontro.



sábado, 3 de maio de 2025

Tras o Nadal continúa a intriga coas novas lecturas

 En xaneiro, tras as vacacións de Nadal, volveu reunirse o club nas súas diferentes seccións e os libros elixidos para a súa lectura foron Asesinato para principiantes de Jackson Holly (sección de “ciencia ficción e novela negra”) e A praia dos afogados de Domingo Villar, lectura esta última compartida por todos os membros do club nas diferentes seccións.


A praia dos afogados é unha novela de intriga apaixonante que mergulla ao lector no mundo da Galicia mariñeira, dende os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e ás tabernas da cidade de Vigo. Protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas, é o segundo libro da serie de novelas negras de Domingo Villar ambientadas na ría de Vigo. 

O libro comeza coa aparición do cadáver dun mariñeiro, Xusto Castelo,  que foi arrastrado pola marea ata a Praia da Madorra, na vila de Panxón. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, parecería un caso de suicidio, mais ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non é tal. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o inspector Leo Caldas, retraído e solitario, mergúllase no ambiente mariñeiro da vila, cuxos vecinos non están moi dispostos a colaborar para tratar de clarexar o crime.. Nesas pescudas policiais está acompañado por Rafael Estévez, o seu axudante aragonés de carácter arroutado, que non se dá adaptado á retranca dos galegos. 

Domingo Villar consegue introducirnos aos lectores nunha intriga sen acougo á procura do(s) verdadeiro(s) culpable(s).

Esta lectura parécenos moi apropiada tendo en conta que o noso centro e o noso club están tamén inmersos nese ambiente mariñeiro e retranqueiro que nos presenta a novela e vainos permitir levar a cabo varias actividades conxuntas, das que iremos dando conta neste blog.