xoves, 22 de febreiro de 2024

Charla con Eva Mejuto

Tiñamos ganas de charlar con Eva Mejuto. Despois de 5 anos da súa primeira edición, Memoria do silencio é un dos libros máis lidos en galego entre o público xove. E por este motivo escollémolo no noso club de lectura.

A historia das irmás Touza, moitas veces denominadas as Schindler galegas, non debía quedar esquecida e iso mesmo foi o que nos contou a autora que chegou a ela case por casualidade.



Contounos que en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) pero que lle falaron das irmás Touza e de todo canto fixeron e non dubidou en que aí estaba unha boa historia.

Desgraciadamente hai moi pouca documentación pero contou coa inestimable axuda  do historiador Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos.

Así, a partir de cada un dos personaxes e co pano de fondo do wolframio teceu unha historia emocionante e moi necesaria para ese público mozo falto de referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres.

E deixou no aire esta pregunta: Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado. 

Grazas Eva por facer unha tarde diferente!


Ningún comentario:

Publicar un comentario