mércores, 17 de xaneiro de 2024

¿Por que todos me miran la cabeza?

¿Por que todos me miran la cabeza? será o vindeiro libro que leremos no Club de lectura.

Da autora de orixe palestina e afincada en Australia Randa Abdel-Fattah conta unha historia persoal con moito humor pero que ao tempo lle supuxo un grande conflito persoal e coa súa contorna social. Non hai máis que ver a portada para sabermos por onde vai o conto.

 

Amal, unha moza de dezaseis anos, conta que ocorre cando decide levar o hiyab posto como di ela “a xornada completa” nunha sociedade occidental e aínda que pareza o contrario non tan tolerante como a australiana. Os seus pais, de fortes conviccións relixiosas pero que educan á súa filla con total liberdade, tentan disuadila da súa decisión pois saben os atrancos aos que pode enfrontarse pero Amal está disposta a sobrepoñerse ante as adversidades.

Ademais seremos testemuñas do seu día a día, a música que escoita, en que pasa o tempo libre, as conversas coas amigas falando de cuestións amorosas etc...

Progresivamente veremos como o que empezou como algo espontáneo vaise convertendo nunha cuestión máis profunda e a súa personalidade vai evolucionando pois ve que non só quen está ao seu arredor xúlgana mal senón que tamén ela xulgou mal a outros e non soubo poñerse no seu lugar.

Randa Abdel-Fattah

A novela dá pé para tratar outros temas como a da tolerancia relixiosa, a afirmación da identidade, a sociedade de consumo ou a carencia de valores do estilo de vida occidental. En poucas semanas saberemos que pensan os membros do club, mentres tanto toca ir coñecendo pouco a pouco a Amal e a súa historia.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario