venres, 1 de marzo de 2024

Comentando "Cicuta para dous"

 O pasado mércores 21 de febreiro, a sección do clube de lectura dos "Larpeiros" reuniuse de novo para comentar a segunda lectura deste curso: "Cicuta para dous" de Rocío Leira.

Nesta ocasión, a reunión estivo endulzada por unhas rosquillas caseiras que trouxo unha das profesoras que leva o clube.


Entre petisco e petisco, andivemos comentando o que nos parecera a lectura. Deste vez todos e todas coincidiron en que lles gustara a lectura, ainda que moitos consideraron o final da historia como un pouco macabra.

Dos dous protagonistas da novela, Erundino e Irma, o alumnado do clube empatizou máis coa segunda, e a verdade é que do primeiro non tiñan moi boas palabras que adicarlle.

Ademais de falar da historia que se conta nas páxinas escritas con mestría por Rocío Leira, pois esta obra foi galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, a historia tamén nos permitiu introducirnos no mundo da filosofía. Falamos de pensamento crítico, de poder cambiar de opinión co paso do tempo e tamén de ser quen de cortar cunha relación que xa nos está a traer só malos momentos.

Dende logo que foi unha boa elección a lectura de "Cicuta para dous", pois trátase dunha obra áxil e rápida de ler, que ademais inclúe pequenos enigmas de corte matemático que o lector debe ir resolvendo. E xa se sabe que todo o que ten algo de matemáticas, mellora notablemente.

Aproveitamos tamén a xuntanza para presentarlle ao alumnado a que será a terceira lectura do ano. Trátase de "Un hijo", obra escrita por Alejandro Palomas e galardoada co Premio Nacional de Literaruta Infantil e Xuvenil, que de seguro non lles vai deixar indiferente. O seu protagonista é Guille, un neno aparentemente feliz ao que lle encanta Mary Popins e que, a pesares da súa corta idade, terá moito que ensinarlles.

Veremos que nos contan na próxima reunión, agardamos que lles guste moito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario