O pasado mércores 22 de maio tivo a última reunión do curso da sección "Os larpeiros" do clube de lectura. Nesta ocasión, estivemos un anaco reunidos para comentar o que nos parecera o libro "Subnormal. Una historia de acoso escolar".
Por ser esta a última reunión do curso, era o alumnado o encargado de traer os doces cos que aderezar o comentario da lectura, pero como se pode ver nas fotografías, eses doces quedaron esquecidos nun sitio moi lonxano á biblioteca do instituto.
Xa metidos en faena para comentar o libro, a maioría dos participantes comentou que lle fora unha lectura sinxela e rápida, por tratarse dunha novela gráfica, e que ademais lle gustara bastante. Algunha das persoas tamén comentou a dureza dalgúns dos pasaxes do libro, e que neses momentos o pasara un pouco mal coa súa lectura.
Ademais de comentar a lectura, estivemos falando do problema do acoso escolar, compartindo vivencias e, sobre todo, deixando claro que o máis importante é saber pedir axuda, tanto se sexa a persoa afectada como un simple espectador. Ademais de falar de acoso escolar, falamos tamén de suicidio, tema que aparece na lectura e que nos preocupa moi seriamente.
Foi unha reunión na que se falaron de moitas cousas importantes e na que comezamos a escoitar a opinión dalgúns dos membros do club que ata o de agora non participaran moito.
Esperamos que esta experiencia fora interesante e enriquecedora para todos o alumnado participante e que o ano que vén se animen a volver a participar nela. Sexa como sexa, que nunca falten os libros e as boas historias, pois sempre poden ser un lugar onde refuxiarse, evadirse, coñecer e conectar.



 
Ningún comentario:
Publicar un comentario