xoves, 27 de marzo de 2025

PRIMEIRO LIBRO DA SECCIÓN “Viaxa lendo un mundo de cine”

Despois do encontro inicial do mércores 16 de outubro, na seguinte xuntanza fíxose entrega do libro de Merçé Rivas, Nassima á sombra dos talibán.

Na reunión lectora do mércores 6 de novembro reunímonos os integrantes da sección “Viaxa lendo un mundo de cine” para poñer en común os aspectos máis interesantes dos tres primeiros capítulos do libro, entre eles a análise da portada e dos protagonistas. Despois da interesante análise da portada por parte do alumnado, este centrou os comentarios nos protagonistas, sobre todo en Nassima, unha rapaza de dez anos que vive no Afganistán gobernado polos talibán; a situación na que vive a protagonista provoca que, xa a comezo da obra, se prepare a súa fuxida dende o seu país a Europa, lonxe de todas as prohibicións que atenazan os afgáns, sobre todo ás mulleres afgás, e impídenlles levar unha vida en liberdade. Para elas e eles Europa é vista como o continente das oportunidades e da liberdade.

Nas dúas reunións seguintes falouse da situación xeográfica do país afgán, da súa economía, da cultura… Ademais comentaron temas chocantes para eles, como os matrimonios concertados, a imposibilidade das mulleres de acceder  á educación e á sanidade. Explicaron que fronte á intransixencia e o odio, no libro tamén ten cabida a amizade e a solidariedade que rodean aos protagonistas. Todo isto adozado cunhas galletas de chocolate que animaron a intervir aos tertuliáns e fixeron transcorrer o tempo de recreo entre petisco e petisco. Podemos concluír das palabras do alumnado que o libro tivo unha boa acollida e permitiulles contrastar e opinar sobre a situación que viven  as mulleres noutros lugares do mundo.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario