domingo, 12 de xuño de 2022
Ardalén, un perfecto colofón
mércores, 11 de maio de 2022
Ardalén de Miguelanxo Prado e a importancia da memoria
O mes de maio no Club Lendo o
Mundo achegámonos de novo á banda deseñada da man da extraordinaria novela
gráfica Ardalén. A obra foi premiada no 31 Salón Internacional do Cómic
de Barcelona como mellor obra nacional e o Ministerio de Cultura de
España galardoouna co Premio Nacional do Cómic no ano 2013.
Ardalén é unha
historia arredor da memoria persoal. A memoria como esencia da nosa existencia,
da percepción da nosa propia vida, da nosa identidade. A memoria e os recordos como
eixes que configuran a nosa personalidade.
Comentarios do club sobre o poemario "Penúltimas tendendias" de Carlos Negro
|
Farei o meu comentario sobre Penúltimas Tendencias de Carlos Negro. Sen dúbida este poemario foi a obra que máis me chamou a atención dentro de todas as lidas durante este curso. O tema principal paréceme extraordinario, esa descrición máis a fondo das mulleres e de como nos sentimos en certos momentos. Encantoume como cada poema rompe os estereotipos cos que esta sociedade nos asfixia ás veces. Falan de temas actuais e pasados, creando unha fermosa sensación, un exemplo disto pode ser cando nun dos poemas falan da Superpop, unha revista de fai anos. Sen dúbida recomendaría Penúltimas Tendencias a todo o mundo, xa que sempre está ben ler poesía, pero sempre é mellor cando falan de realidades. Clara Berreco Martínez |
|
O libro de Penúltimas Tendencias de Carlos Negro é un libro moi interesante e ao mesmo tempo reivindicado, xa que todos os poemas que se recollen nel teñen algo moi especial. Pero persoalmente houbo un poema que me
gustou moito e gustaríame falar del brevemente. O poema de “5 razóns polas que cortaría contigo”. Pareceume un poema moi interesante e creo que con lelo unha vez di moito de si mesmo. A oración que me fixo escollelo foi a seguinte: “Se me tocas como un mando a distancia.” Este símil que fai Carlos Negro pareceume moi sorprendente pero por desgraza moi certo. En conclusión podo dicir que este libro é moi sinxelo e ameno de ler e animo a todo o mundo a lelo. Sabela
Martínez Peón
|
|
Nesta ocasión gustaríame
comentar un poema que me gustou do libro Penúltimas Tendencias de
Carlos Negro. Ademais, tiven a sorte de que o autor do libro viñese ao meu
instituto, IES Sanxenxo.
Tatuaxe
Ao principio non sabía
de que ía este poema pero despois entendino e pareceume un poema que
transmite moita ilusión e amor por esa persoa. Penso que unha persoa que se
tatúa algo na súa pel sobre alguén cando significa que o/a quere moito e
quere que ese amor dure para sempre. Eu creo que as tatuaxes hai
que facelas con sentido común e imaxino que ten que ser algo moi
importante para esa persoa.
Sofía Otero Sartages
|
|
Aínda que eu non son de ler poesía, a
verdade é que este libro me gustou, porque nos conta historias. Dinos e fainos
entender que as rapazas non queren ser princesas nin bonecas, que queren que
as miremos tal e como son, e como elas se senten cómodas. Por exemplo, se
unha non quere depilarse, pois non a temos porque mirar con malos ollos nin
criticala, se non pon roupa de moda, se non se maquilla, ou pon tacos altos.
É como ela se sente cómoda. Igual que non se debe criticar os homes, pois as
mulleres tampouco. Non todas queren seguir as tendencias, e eu penso que iso
non é o máis importante, o máis importante é o interior das persoas. O que me chamou a atención é que este libro fose escrito por un home. Os poemas que máis me gustaron foron: Poesía: Guapa y a la última- (páx. 22) Quérenos dicir que as revistas de moda non ven a beleza interior e auténtica. Poesía: Gótica (páx. 39). Gústame moito, posto que nos conta unha historia de como é esa moza. Poesía: A que sabe o amor? (páx. 55) Penso que este poema nos conta as cousas boas e non tan boas que ten o amor. Poesía: 3 MSC (páx. 57) Este poema déixanos claro que as rapazas que teñen as ideas claras queren sinceridade nas relación e non que lle prometan a terra aos seus pés. En xeral gustoume moito. Hugo Otero Padín |
|
Penúltimas tendencias pareceume un libro moi interesante,
poucas veces atopamos libros que traten sobre este tipo de temas ‘tabú’, como
os estereotipos de xénero, as inseguridades, ou sobre a presión na xuventude
feminina, que ten os estándares de beleza moi altos e a niveis cada vez menos
sans. Oxalá houbese máis libros que traten este tipo de temas, parécenme
importantes, por que, ás veces, un poema, un libro, unha páxina poden
entenderte mellor ca ti mesmo. Antía
Lores Caíño
|
xoves, 28 de abril de 2022
Obradoiro de poesía con Carlos Negro
Este curso iniciámonos no club coa lectura de poesía lendo a Carlos Negro e parece que foi todo un acerto.
Penúltimas tendencias non é un poemario convencional, moi ao contrario. É un libro directo e que fala das cadeas que mozos e mozas teñen que aturar, dos convencionalismos, da ditadura da imaxe e dunha chea de cousas que nos arrodean.
O autor púxonos: a escribir, a recitar, a ler, a sentir as palabras e a buscar os significados nas costuras dos versos. Foi un día inesquecible onde non deixamos de desfrutar e gozar das palabras.
mércores, 27 de abril de 2022
Literatura á carta con Menú de enganos de Manuel Núñez Singala
Un restaurante literario moi especial.
Velaquí un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se
teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Literatura á carta. Unha carta
literaria. Literatura con sabor.
Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta.
No Club de lectura Lendo o Mundo desfrutamos moito desta sorprendente obra e, ademais, tivemos a sorte de encontrarnos co
escritor Manuel Núñez Singala. Os seus relatos, cheos de humor e ironía, gustáronnos moito.
O 25 de marzo realizamos a actividade “Lectura entre Dunas”
na praia de Baltar e estivemos moi ben acompañados polos relatos de Menú de enganos de Núñez Singala e polos poemas de Penúltimas tendencias de Carlos Negro. As dúas obras foron ben acollidas e fixeron que o mar, as dunas e a literatura se unisen nunha formidable xornada para todos e todas.
martes, 25 de xaneiro de 2022
O ceo dos afogados de Francisco Castro
Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os
océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no
mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende
alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña
peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto
e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en
que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados.
Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías
que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión
sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos
de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a
xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando.
O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na
colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de
literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e
intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e
o desenvolvemento sostible do planeta.
xoves, 13 de xaneiro de 2022
Wolfram. Unha mirada á Segunda Guerra Mundial
Chegamos ao final da primeira lectura do club, Wolfram, e houbo nas reunións opinións encontradas.
Os participantes opinaron que en xeral a historia foi moi interesante e descubriron infinidade de cousas que descoñecían do período da 2ª Guerra Mundial e da importancia deste mineral que neses anos provocou unha verdadeira febre.
Houbo quen foi máis alá da historia e vendo os deseños confesou que agardaba máis deles. Botaron en falta un maior abano de expresións entre os personaxes e os debuxos non acabaron de convencelos, aínda que en xeral o comic gustou.Agora xa para o nadal tivemos tarefa e neste mes de xaneiro xuntarémonos a comentar a seguinte lectura proposta: O ceo dos afogados de Francisco Castro.
A novela parte dun feito misterioso e inexplicable. Todos os delfíns do planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de
todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Unha novela que ten como pano de fondo a sostibilidade do planeta e que queremos relacionar co tema que este ano protagoniza a semana cultural no noso centro.
























