xoves, 28 de abril de 2022

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Este curso iniciámonos no club coa lectura de poesía lendo a Carlos Negro e parece que foi todo un acerto.

Penúltimas tendencias non é un poemario  convencional, moi ao contrario. É un libro directo e que fala das cadeas que mozos e mozas teñen que aturar, dos convencionalismos, da ditadura da imaxe e dunha chea de cousas que nos arrodean. 

O autor púxonos: a escribir, a recitar, a ler, a sentir as palabras e a buscar os significados nas costuras dos versos. Foi un día inesquecible onde non deixamos de desfrutar e gozar das palabras.










mércores, 27 de abril de 2022

Literatura á carta con Menú de enganos de Manuel Núñez Singala

 


Un restaurante literario moi especial.

Velaquí un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Literatura á carta. Unha carta literaria. Literatura con sabor.

Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta.



No Club de lectura Lendo o Mundo desfrutamos moito desta sorprendente obra e, ademais, tivemos a sorte de encontrarnos co escritor Manuel Núñez Singala. Os seus relatos, cheos de humor e ironía,  gustáronnos moito.

O 25 de marzo realizamos a actividade “Lectura entre Dunas” na praia de Baltar e estivemos moi ben acompañados polos relatos de Menú de enganos de Núñez Singala e polos poemas de Penúltimas tendencias de Carlos Negro. As dúas obras foron ben acollidas e fixeron que o mar, as dunas e a literatura se unisen nunha formidable xornada para todos e todas.




https://www.singala.eu/menu-de-enganos

martes, 25 de xaneiro de 2022

O ceo dos afogados de Francisco Castro


Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando.

O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.


Nos encontros do club de lectura durante o mes de xaneiro estivemos acompañados por O ceo dos afogados de Francisco Castro que lle encantou ao alumnado. A obra móstranos a relación dos seres humanos coa natureza dende unha mirada moi especial, da man dun protagonista que se enfronta a un gran desafío e mantén a intriga durante toda a lectura. Sen dúbida unha novela que recomendamos.





xoves, 13 de xaneiro de 2022

Wolfram. Unha mirada á Segunda Guerra Mundial

Chegamos ao final da primeira lectura do club, Wolfram, e houbo nas reunións opinións encontradas.

Os participantes opinaron que en xeral a historia foi moi interesante e descubriron infinidade de cousas que descoñecían do período da 2ª Guerra Mundial e da importancia deste mineral que neses anos provocou unha verdadeira febre.

Houbo quen foi máis alá da historia e vendo os deseños confesou que agardaba máis deles. Botaron en falta un maior abano de expresións entre os personaxes e os debuxos non acabaron de convencelos, aínda que en xeral o comic gustou.


Agora xa para o nadal tivemos tarefa e neste mes de xaneiro xuntarémonos a comentar a seguinte lectura proposta: O ceo dos afogados de Francisco Castro.

A novela parte dun feito misterioso e inexplicable. Todos os delfíns do planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Unha novela que ten como pano de fondo a sostibilidade do planeta e que queremos relacionar co tema que este ano protagoniza a semana cultural no noso centro.



luns, 1 de novembro de 2021

Wolfram, principiamos a LER O MUNDO un ano máis

Xa está aquí o club de lectura unn ano máis e polo menos este ano poderemos regresar á biblioteca, ao noso espazo de reunión e de intercambios lectores.

 
O primeiro título desta nova andaina será a obra de Alberto Varela Wolfram.

O volframio foi un mineral imprescindible para a fabricación de armamento nos anos 40 do pasado século e en Galicia existían minas das que se extraía este material tan valiosísimo nos anos que durou a Segunda Guerra Mundial.


Aínda que España non entrou oficialmente na contenda si subministraba este mineral á Alemaña nazi e con este pano de fondo Alberto Varela crea esta obra de banda deseñada onde unha parella de espías serán os protagonistas desta historia chea de misterio, acción e aventuras.

Pica na imaxe para acceder á ficha do libro.


 


domingo, 20 de xuño de 2021

Últimas lecturas e avaliación final

Rematamos un curso marcado pola pandemia, as restricións e tantos condicionantes que non imos enumerar agora. Pero ao final mal que ben conseguimos chegar a porto e levar adiante o noso club de lectores e lectoras.

Os últimos libros que lemos foron Mi abuelo Moctezuma e As lágrimas de Shiva; dúas lecturas cheas de suspense e misterio que gustaron por igual.

Na derradeira sesión fixeron unha enquisa para sabermos que cousas temos que mellorar para o vindeiro ano, cales foron as lecturas e xéneros dos que máis desfrutaron e de todo aquilo que quixeron opinar. 
Agradecémoslles moitísimo que compartisen con nós esta marabillosa aventura de partillar lecturas e o seu teu tempo. Ata a próxima!!!



luns, 5 de abril de 2021

La tejedora de la muerte

O penúltimo día antes de írmonos de vacacións reencontrámonos para falar sobre a última lectura na que estivemos enleados co club de lectura: La tejedora de la muerte.

Quedaron moitas cousas sen comentar porque o tempo este curso esváese con rapidez e esta foi unha lectura que deixou un boísimo sabor de boca a todos e todas.

O misterio e por momentos o medo que sentiron ao ler a historia foi motivo de coincidencia. Tamén o feito que, a pesar de ser un libro curto, resulta moi intenso e non deixa tempo para tomar folgos o que invita a non deixar de ler e saber o desenlace e o porque dos acontecementos.

Ata o momento, os membros do club cren que foi a mellor lectura das que leron aínda que tamén é certo que estaban desexando un libro deste xénero.

Cren que está moi conseguido o ambiente de suspense e que a protagonista Andrea transmite esa sensación de desacougo a cada un dos lectores.

 


 

Como derradeira lectura do curso alumnas e alumnos levaron Mi abuelo Moctezuma, un libro que mestura misterio e aventuras coa historia do México precolombino e que nos dará a coñecer algo sobre a cultura azteca tan presente no México actual.