xoves, 27 de marzo de 2025

RETOMOU A SÚA ANDAINA O NOSO CLUB DE LECTURA "LENDO O MUNDO"

 

 

 

En outubro botou andar de novo o noso club de lectura LENDO O MUNDO coa novidade de que este curso temos varias seccións temáticas, vinculadas ao tema da Semana cultural deste curso 24-25. Este ano a Semana cultural do IES Sanxenxo xira ao redor de Xulio Verne e os seus libros de viaxes e de ciencia ficción. En parte por iso e porque foron as temáticas preferidas polo alumnado, este curso temos tres seccións temáticas con dúas coordinadoras en cada unha: “Viaxes e cine”, “Ciencia ficción e novela negra” e “Historia e Banda deseñada”.

luns, 27 de maio de 2024

Rematando o curso dos Larpeiros con "Subnormal. Una historia de acoso escolar"

O pasado mércores 22 de maio tivo a última reunión do curso da sección "Os larpeiros" do clube de lectura. Nesta ocasión, estivemos un anaco reunidos para comentar o que nos parecera o libro "Subnormal. Una historia de acoso escolar".

Por ser esta a última reunión do curso, era o alumnado o encargado de traer os doces cos que aderezar o comentario da lectura, pero como se pode ver nas fotografías, eses doces quedaron esquecidos nun sitio moi lonxano á biblioteca do instituto.
Xa metidos en faena para comentar o libro, a maioría dos participantes comentou que lle fora unha lectura sinxela e rápida, por tratarse dunha novela gráfica, e que ademais lle gustara bastante. Algunha das persoas tamén comentou a dureza dalgúns dos pasaxes do libro, e que neses momentos o pasara un pouco mal coa súa lectura.
Ademais de comentar a lectura, estivemos falando do problema do acoso escolar, compartindo vivencias e, sobre todo, deixando claro que o máis importante é saber pedir axuda, tanto se sexa a persoa afectada como un simple espectador. Ademais de falar de acoso escolar, falamos tamén de suicidio, tema que aparece na lectura e que nos preocupa moi seriamente.

Foi unha reunión na que se falaron de moitas cousas importantes e na que comezamos a escoitar a opinión dalgúns dos membros do club que ata o de agora non participaran moito.

Esperamos que esta experiencia fora interesante e enriquecedora para todos o alumnado participante e que o ano que vén se animen a volver a participar nela. Sexa como sexa, que nunca falten os libros e as boas historias, pois sempre poden ser un lugar onde refuxiarse, evadirse, coñecer e conectar.