venres, 19 de abril de 2024

Hoxe falamos de Presas fáciles

Quen non foi á praia cun libro baixo o brazo? Cantas lecturas quedaron na nosa memoria mesturadas co salitre e a area? Cantos títulos e historias quedaron unidas para sempre a un verán?

Xa vai sendo un clásico cando chega a primavera e o tempo acompaña achegarnos ao mar (porque por sorte o temos preto) e facer o noso encontro lector no medio das dunas ou no miradoiro de Punta Vicaño. E este ano non ía ser menos.


Presas fáciles foi o libro que tocaba nesta ocasión e foi unha obra que o que máis resaltaron as participantes foi o seu final, por inesperado. Que un grupo de anciáns no final das súas vidas idearan un plan para vingar aos seus amigos, vitimas dun sistema depredador, non o agardaban.

Engadiría tamén a calidade dos debuxos, a minuciosidade e o realismo como están debuxadas cada  unha das páxinas. A riqueza e variedade dos encadres e as expresións dos personaxes nos primeiros planos facían ver por momentos un filme.

Achegar ao alumnado tamén unha historia relativamente recente e que encheu durante meses as portadas dos xornais e  deixou un regueiro de damnificados foi tamén un dos puntos fortes da elección.

Aínda así, houbo críticas no sentido do ritmo da narración que consideraron excesivamente lento ou que algunhas delas non acaban de sentirse cómodas co thriller de asasinatos e a novela policial.

Para máis información sobre o libro podes picar AQUÍ




 


Ningún comentario:

Publicar un comentario