A vindeira semana principiamos as nosas andainas lectoras e reunirémonos para presentarvos as lecturas coas que iniciamos o noso club "Lendo o mundo", centrándonos sobre todo na Banda Deseñada.
Luns 4 de Novembro: Reunión Club de 2º ciclo da ESO.
Martes 5 de Novembro: Reunión Club de 1º ciclo da ESO.
Os libros elixidos para a primeira parte do trimestre son:
Nómades de Xosé Tomás. Editorial Galaxia
As
mulleres de Nómades son persoas que o arriscan todo para cruzar o
mar polo futuro dos seus fillos; mozas e mozos que se prostitúen
para enviar diñeiro á casa, coa aceptación tácita das súas
familias, que “non preguntan”; mulleres que adquiren unha
cualificación profesional e académica e que chegan a situarse
comodamente na sociedade, pero sen que por iso sexan de todo
aceptadas; anciás que se equivocan ao emigrar, porque xa é tarde
para acadar a integración; empregadas do fogar sen papeis que non
inspiran nin mágoa, porque son, no fondo, un problema económico e
legal; e nenas que se integran, que se abren camiño con normalidade
na nova sociedade e borran toda pegada dun pasado de dor e
indefensión. NÓMADES
é
unha homenaxe ás pequenas historias íntimas.
María e mais eu de Miguel Gallardo. El Patito Editorial
Miguel Gallardo, afeito a se comunicar visualmente coa súa filla
María, quere compartilo cos seus lectores coma se nós fósemos ela
e a través dos seus debuxos entendamos a súa mensaxe sinxela e
breve dunha maneira inequívoca.
Un grande atractivo deste libro é
que corrixe moitos tópicos sobre os nenos con autismo, unha síndrome
que se diagnostica cada vez con maior frecuencia. María non é tan
distante nin tan fría, senón emocional, afectuosa, alén das
peculiaridades do trastorno que padece. Todo o que María fai, ten un
significado para ela. Nós tamén podemos facer máis feliz a María
e a todos os nenos coma ela, sinxelamente aceptándoa tal como é:
única, coma todos os demais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario