Estamos enleados coa última lectura deste ano do club, O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.
Acoso escolar, o perigo das redes, amor e amizade son algúns dos temas que sobrevoan as páxinas deste libro que están a ler sen alento. As vidas de Isla, Mar, Carballo, Anxo entretecen unha historia apaixonante e desgarradora.
Quixemos saír da aula e desfrutar da lectura nalgún dos fermosos currunchos que abundan preto do noso instituto e alí, sentindo o suave e salgado recendo do mar, entregámonos á lectura e tamén lemos en voz alta algún dos poemas do libro de Street poems que tamén nos acompaña ultimamente.
Durante a semana cultural veunos visitar para falar do seu poemario Street Poems
libro que toma como inspiración os grafittis cos que o autor se foi
atopando ao longo da súa vida, pois a maior parte deles están situados
na súa propia cidade, ou en diferentes viaxes. Fran Alonso é un poeta e escritor de dilatada experiencia que leva
moitos anos achegando a poesía aos máis novos en multitude de espazos.
As mensaxes que comunican ou as imaxes que quere resaltar son o punto de
partida de cada un dos poemas. Fran Alonso foinos explicando onde se
atopaban, as transformacións que sufriron ou por que os escolleu para
facer unha poesía a partir deles.
Hip-hop, cultura urbana, break dance danse cita neste libro de poemas inconformistas, críticos e combativos que tanto poden ser rapeados como escritos con sprais nas paredes.
Un home contempla a vida e o paso do tempo desde a terraza
dun bar e escribe poemas mentres toma un café. Pero a vida –e o tempo–, coma un
agromo que se renova cada día, nunca se detén, nin nas miradas extraviadas dos
perdedores, nin na arrogancia indomable dos adolescentes, nin no narcisismo
fetichista das redes sociais, nin na estrañeza das avestruces que se ocultan,
nin na aceptada resignación das persoas devoradas pola rutina, nin na ambición
insolente e pretensiosa das motos.
Logo do éxito de O neno do pixama de raias, John Boyne volve cunha novela onde o protagonista é un neno, baixo o pano de fondo da II Guerra Mundial.
Nesta ocasión o protagonista Pierrot, logo de quedar orfo, vaise vivir coa sua tía Beatrix, a ama de chaves do mesmísimo Fuhrer á casa de verán que este ten nos Alpes. Alí a influencia que o dono da casa exerce sobre o rapaz é capaz de modelar a súa personalidade ata convertilo nun ser totalmente diferente ao que chegou.
Esta novela serve para reflexiornarmos sobre a fraxilidade da xuventude e a atracción do poder.
A primeira sesión adicámola precisamente a falar sobre o argumento, aquilo que agardamos da lectura desta novela e as similitudes e diferenzas que encontramos respecto a anterior novela que eles e elas coñecían deste autor.
Logo do intercambio das súas opinións, parece que se crearon bastantes expectativas e na seguinte reunión afondaremos máis nos personaxes e nas situacións relatadas no libro.
O propio autor tamén nos deixa a súa propia presentación
A rateira é a obra de teatro máis representada da historia e un dos misterios máis populares de Agatha Christie.
Giles e Mollie Ralston están moi
ocupados tratando de ultimar os preparativos para os seus primeiros hóspedes.
Acaban de abrir unha pensión nunha mansión antiga que Mollie herdou e só desexan
que as primeiras persoas que acollen teñan unha estancia agradable. Porén unha
nevada intensa deixa a mansión Monkswell incomunicada e a noticia que lles dá o
sarxento Trotter non resulta moi tranquilizadora: os hóspedes da pensión atópanse
baixo a ameaza dun asasino.
No club de lectura lemos esta xoia do xénero policial de Agatha Christie, unha das escritoras de novelas de crime e misterio máis importantes da literatura universal.
No ano 1962 Robert Mulligan levou á pantalla grande a novela de Harper Lee co título orixinal To Kill a Mockingbird e que foi protagonizada por Gregory Peck, quen gañaría o Oscar ese ano, Mary Badham e Robert Duvall entre outros. Ademais de colleitar outros premios como os Globos de Ouro e os premios BAFTA, obtivo moito éxito de crítica e de público; sendo considerada hoxe todo un clásico do cine norteamericano.
A novela gráfica que estivemos a ler está claramente baseada no filme porque como é lóxico cine e banda deseñada son dúas caras da mesma moeda, coas súas semellanzas e tamén coas súas diferenzas.
E iso foi precisamente no que quixemos fixarnos; en como se narraban no libro algunhas secuencias cinematográficas e a que solucións tamén chegou o debuxante para contarnos a historia.
Os participantes do club primeiro puxéronse a buscar no libro onde estaban estas secuencias, na páxina que comezaba e na que remataba para despois comentar cuestións do tipo: cantas viñetas precisou para cada unha das escenas, que diálogos incluíu ou se o punto de vista ou o tamaño do encadre era similar.
Deixamos aquí algunhas das secuencias comentadas e traballadas polos alumnos e alumnas.
Iridium é unha historia de
amor. Ou é unha historia de discriminacións e inxustizas. Ou é unha historia de
amizade máis aló das dificultades. Ou é unha historia sobre unha raíña de
Instagram.
Esta novela conta a historia
de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e
tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten,
ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas
importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en
todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual
non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.
Mais, sobre todo, Iridiumconta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual. E Iris sente, e goza, e chora, e ri, e sofre coma calquera.