martes, 7 de marzo de 2023

Terraza de Fran Alonso


Un home contempla a vida e o paso do tempo desde a terraza dun bar e escribe poemas mentres toma un café. Pero a vida –e o tempo–, coma un agromo que se renova cada día, nunca se detén, nin nas miradas extraviadas dos perdedores, nin na arrogancia indomable dos adolescentes, nin no narcisismo fetichista das redes sociais, nin na estrañeza das avestruces que se ocultan, nin na aceptada resignación das persoas devoradas pola rutina, nin na ambición insolente e pretensiosa das motos.

Terraza na TVG







mércores, 22 de febreiro de 2023

El niño en la cima de la montaña

Logo do éxito de O neno do pixama de raias, John Boyne volve cunha novela onde o protagonista é un neno, baixo o pano de fondo da II Guerra Mundial.

Nesta ocasión o protagonista Pierrot, logo de quedar orfo, vaise vivir coa sua tía Beatrix, a ama de chaves do mesmísimo Fuhrer á casa de verán que este ten nos Alpes. Alí a influencia que o dono da casa exerce sobre o rapaz é capaz de modelar a súa personalidade ata convertilo nun ser totalmente diferente ao que chegou.

Esta novela serve para reflexiornarmos sobre a fraxilidade da xuventude e a atracción do poder.  



A primeira sesión adicámola precisamente a falar sobre o argumento, aquilo que agardamos da lectura desta novela e as similitudes e diferenzas que encontramos respecto a anterior novela que eles e elas coñecían deste autor. 

Logo do intercambio das súas opinións, parece que se crearon bastantes expectativas e na seguinte reunión afondaremos máis nos personaxes e nas situacións relatadas no libro.

O propio autor tamén nos deixa a súa propia presentación



mércores, 1 de febreiro de 2023

A Rateira de Agatha Christie

    A rateira é a obra de teatro máis representada da historia e un dos misterios máis populares de Agatha Christie.


    Giles e Mollie Ralston están moi ocupados tratando de ultimar os preparativos para os seus primeiros hóspedes. Acaban de abrir unha pensión nunha mansión antiga que Mollie herdou e só desexan que as primeiras persoas que acollen teñan unha estancia agradable. Porén unha nevada intensa deixa a mansión Monkswell incomunicada e a noticia que lles dá o sarxento Trotter non resulta moi tranquilizadora: os hóspedes da pensión atópanse baixo a ameaza dun asasino.

    No club de lectura lemos esta xoia do xénero policial de Agatha Christie, unha das escritoras de novelas de crime e misterio máis importantes da literatura universal.

https://www.rtve.es/play/videos/repor/repor-espectaculo-ratonera/2479476/


sábado, 28 de xaneiro de 2023

Cine e literatura

No ano 1962 Robert Mulligan levou á pantalla grande a novela de Harper Lee co título orixinal To Kill a Mockingbird e que foi protagonizada por Gregory Peck, quen gañaría o Oscar ese ano,  Mary Badham e Robert Duvall entre outros. Ademais de colleitar outros premios como os Globos de Ouro e os premios BAFTA, obtivo moito éxito de crítica e de público; sendo considerada hoxe todo un clásico do cine norteamericano.

A novela gráfica que estivemos a ler está claramente baseada no filme porque como é lóxico cine e banda deseñada son dúas caras da mesma moeda, coas súas semellanzas e tamén coas súas diferenzas.

E iso foi precisamente no que quixemos fixarnos; en como se narraban no libro algunhas secuencias cinematográficas e a que solucións tamén chegou o debuxante para contarnos a historia.


Os participantes do club primeiro puxéronse a buscar no libro onde estaban estas secuencias, na páxina que comezaba e na que remataba para despois comentar cuestións do tipo: cantas viñetas precisou para cada unha das escenas, que diálogos incluíu ou se o punto de vista ou o tamaño do encadre era similar.
Deixamos aquí algunhas das secuencias comentadas e traballadas polos alumnos e alumnas.





domingo, 11 de decembro de 2022

Iridium de Francisco Castro

Iridium é unha historia de amor. Ou é unha historia de discriminacións e inxustizas. Ou é unha historia de amizade máis aló das dificultades. Ou é unha historia sobre unha raíña de Instagram.

Esta novela conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.

Mais, sobre todo, Iridium conta unha historia de amor. Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual. E Iris sente, e goza, e chora, e ri, e sofre coma calquera.

https://franciscocastro.gal/tag/iridium/







venres, 9 de decembro de 2022

Matar un reiseñor. Novela Gráfica

 

Esta é unha adaptación da novela de Harper Lee, nesta ocasión como novela gráfica. Un auténtico clásico da literatura estadounidense do século XX que segue a cativar a millóns de lectores.

Jean Louise Finch evoca unha época da súa infancia en Alabama (EE UU), cando o seu pai, Atticus, decidiu defender ante os tribunais un home negro acusado de violar a unha muller branca. 

Matar un reiseñor amosa unha comunidade dominada polos prexuízos raciais, a desconfianza cara ao diferente, a rixidez dos vínculos familiares e veciñais e cun sistema xudicial sen apenas garantías para a poboación negra. 

En 1962, Robert Mulligan levouna ao cine con Gregory Peck no papel protagonista.

Matar  un reiseñor é unha desas historias inmortais que se che pegan ao corazón e sacúdenche a conciencia.