martes, 13 de xaneiro de 2026

NOVAS XUNTANZAS: O NOSO CLUB CRECE

Iniciamos esta nova andaina 37 alumn@s e sete coordinadores, as nosas reunións seguen a estar adozadas coas larpeiradas traídas para eses breves momentos por todos os que conformamos este xa non tan pequeno club. 

 No primeiro trimestre comezamos lendo tres libros de diferentes temáticas, entre os que podemos encontrar O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.

 Este libro, que xa foi repartido alá polo mes de outubro entre o noso alumnado participante, trata un tema moi preocupante na nosa sociedade como é o acoso escolar. Esta obra inspirouse nun suceso real, mais é narrada desde unha perspectiva interesante: a dunha acosadora pasiva que non se atreve a alzar a voz ante o que está a acontecer ao seu redor. Este relato pode facernos reflexionar sobre a responsabilidade individual e colectiva nos casos de violencia escolar. Na seguinte entrada falaremos da opinión e dos comentarios dos nosos alumn@s lectores.

BENVIDOS DE NOVO AO NOSO CLUB! VOLTAMOS RODEAD@S DE LIBROS E BOA COMPAÑA!!

Este curso, despois da boa experiencia do anterior no que compartimos interesantes e gratos momentos, unhas veces transmitindo e opinando de todo aquilo ao que nos ían levando as lecturas dos libros, outras visionando esa mesma ficción a través da pantalla, mentres petiscabamos do que tanto alumnado como profesorado ía proporcionado en cada un dos nosos encontros, voltamos a reunirnos no mes de setembro. 
Así pois, o día 24, con ganas de ocupar o noso recuncho na biblioteca e no renovado espazo, habilitado para que o ambiente sexa máis acolledor, reunímonos profesorado coordinador e alumnado veterano e principiante neste mundiño das letras e das palabras compartidas. 

As temáticas deste curso seguen a ser “Ciencia ficción”, “Banda deseñada” e tamén “Sociedade, fantasía e mundos alternativos”. 

Así pois, aquí comeza a nosa nova ANDAINA NO MUNDO DOS LIBROS!

martes, 24 de xuño de 2025

CINE e LITERATURA na última xuntanza do curso

 

Por ser esta a última xuntanza do club neste curso, os nosos lectores tiveron sesión cine con bebida e algún pequeno petisco entre escena e escena.

 

 

Trátase do filme galego de suspense dirixido por Gerardo Herrero, adaptación da obra A praia dos afogados que leron estes últimos meses os lectores do noso club. Este está protagonizado por Carmelo Gómez, que interpreta o detective Leo Caldas, Pedro Alonso no papel de Valverde e Luis Zahera como Arias. A rodaxe fíxose na nosa terra, en Nigrán e Vigo. Ultimamente esta terra vén sendo reclamo para a rodaxe de moitas e moi boas películas, con grandes actores como o mencionado Luis Zahera e directores recoñecidos e premiados, como é o caso de Oliver Laxe. Tamén é unha posta en valor para todo ese bo facer do noso audiovisual.

 

 

 

Desexamos que este curso a participación no noso club de lectura fose enriquecedora e amena para todos os alumnos e alumnas e esperamos que se animen a participar nel de novo. O próximo curso seguiremos xuntos falando e compartindo libros e boas historias entre petisco e petisco, rodeados de boa compañía e intentando coñecer outros mundos e outras realidades que nos entreteñan e nos fagan “crecer”. Boas vacacións a todos e despedimos aos alumnos e alumnas de 4º da ESO desexándolles moita sorte na súa nova etapa.

 

Deixámosvos algunhas suxerencias para que rodeados de mar, area, natureza… poidades seguir coñecendo novas historias a través dos libros.